Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, novembro 07, 2007

8 epifanías



Fravernero encárgame divagar sobre 8 momentos da miña existencia con certa relación. Confeso que cando acabei de ler o seu post de 8 momentos felices maldecino ao comprobar que me pasaba a bóla. Porén agora case lle estou agradecida porque me dá a oportunidade de reflexionar sobre eses momentos en que, misteriosamente ves claro algo que antes te confundía, eses momentos raros de lucidez en que unha é quen de atar todos os cabos e cae da burra e esperta, ve a terra desde a outra beira e pensa e eu que non me decatara de nada... momentos epifánicos nos que eu aprendín algo ou vin a luz.

Empecemos polo meu nacemento, un día 8, por certo, e Día das Peras, por se alguén se anima a facerme unha haxiografía, que están de moda. Evidentemente ese día un/unha pon en práctica accións básicas: respirar, chorar e mamar, pero non se trata diso. Falo do meu nacemento porque estou convencida de que se me veu repetindo en soños durante anos de maneira obsesiva: ter que atravesar un longo e tortuoso tunel, unha máquina que me engolía, latidos marcando o compás, ansiedade e logo un momento de paz simbolizado na compañía agarimosa dunha nena e dunhas mulleres sentadas no murallón da estrada. A luz.

O descubrimento narcotizante da lectura foi outra experiencia epifánica: un día, xa de rapaciña, a miña avoa deixoume ao coidado do caldo. Lembro ben que o lema era non deixar morrer o lume. Marabilloso, toda a mañá soa á calor da cociña de leña cun libro, coa única obriga de botar unha acha de cando en vez. Pouco tempo despois, aínda que en realidade pasaran ben dúas horas, a miña avoa volvía, a cociña estaba case ao roxo vivo e o caldo... e eu, nin me dera conta. O libro era dos bos, é certo, da Pardo Bazán, creo.

O terceiro momento epifánico que paga a pena lembrar foi cando descubrín que a propiedade asociativa e a propiedade conmutativa das clases de matemáticas da miña infancia, que tanto me fixeron sufrir, eran o eixo sintagmático e o eixo paradigmático de Ferdinand de Saussure. Grandísimo Ferdinand, ti si que te explicabas!

O meu cuarto descubrimento epifánico non foi o amor, senón descubrir que aquel home do que eu estaba tan enamorada estaba reducíndome á nada, someténdome cada vez máis ás súas esixencias caprichosas e involucrándome en todos os seus fracasos. Lembro que cando subín a aquel autobús souben que non quería volvelo a ver nunca máis. E así foi. Desde entón teño claro que debo seguir o meu propio camiño e que algúns animais da selva poden ser moi, pero que moi destrutivos e perigosos.

A quinta epifanía foi a lingua, tal como Adrián Solovio, sen chegar a ser tan serodio. Foi o reencontro espiritual cos meus sinxelos e visionarios predecesores.

A sexta foi un auténtico asalto a man armada: a tenrura apoderouse de min unha boa tarde nunha carballeira do Carme de Abaixo e obrigoume a considerar seriamente cousas nunca antes tidas en conta. Foi unha epifanía amarela e coa luz do través, como peneirada.

A sétima epifanía foi a maternidade: como animal mamífero e como humana racional e sensitiva, podo afirmar que para min foi unha serie de experiencias incomparábel, tanto pola intensidade como pola calidade. Se o penso, váiseme o leite e non hai máis que dicir.

A oitava epifanía asócioa cunha serie de reflexións en momentos diferentes que me levaron a buscar canles de expresión, un deles este mesmo blog desde o que vos falo, que esparexan estas ganas inauditas que me entraron de sacar todo o que teño dentro: lembranzas, pensamentos, ensoñacións, críticas malignas, comentarios de aparencia tranquila e fondo turbo.
E la nave va!

6 comentários:

Anónimo disse...

No que se refire á cuarta epifanía...
Cando subiches ó autobús levabas os pés fríos? Fixácheste se no asiento dianteiro escribiran a navallazos 'puta, puta'?

Sempre está ben o que remata ben (unha retirada a tempo...). Etc.

torredebabel disse...

gustáronme porque as contas dese xeito engaiolante e tamén porque algunhas delas falan das miñas propias epifanías. Fermosa maneira de facer dun meme algo que merece a pena!

FraVernero disse...

Suroeste iluminada...

Alédome de que o tormento se voltara doce, e a tarefa lixeira e satisfactoria. O octaedro, de todas maneiras, era libre, anque nos presta moito que che levara a este exercicio público de instrospección...

Tódalas luces e sombras son de interese. Eu quédome coa cuarta, claro, porque coma o marqués de Bradomín, son feo e sentimental (o de católico sí que non me chista, mais os maledicientes dirían que o Marxismo é o catolicismo 'por outros medios').

Metiches de todo aí, dende o natural ao civilizado, dende a historiografía ao panteísmo... esta entrada dábache para moitos posts, sen dúbida...

SurOeste disse...

Na cuarta epifanía, queridos Pepin e Fraverner, actualicei todas as disposicións que pacientemente foron incorporando á miña cabeciña as poderosas -e sabias- mulleres da miña familia. Foi unha auténtica metamorfose que sucedeu en poucas horas. O autobús non levaba pintadas, polo que escibín con letras de nube: "libre, libre, libre e infinitamente lixeira".
Torre, contigo a comunicación é sempre tan doada que ás veces penso que nacemos unha a carón da outra. Non nos coñeceremos de algo, dun soño ou así?

SurOeste disse...

E si, podía facer 8 post, pero ala, por ser para vós a casa pola ventá!

Ana Bande disse...

xa devezo que comeze outro meme pare que poña máis epifanías....como me dixeron nun precioso comentario ¡saíulle o as de corazóns!