Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, dezembro 27, 2007

Restos



O mar vai deixando restos en todas as praias. Teño visto xente á rebusca de obxectos armada dun detector de metais paseando polas praias. A min un día o azar fixo que a marea me puxera diante dos ollos un anel de ouro moi grande, deses que os homes adoitaban poñer no mimiño. Aínda estoutro día, durante o discurso de noiteboa, vin que o rei gastaba un de pedra azul. Gardeino uns anos nunha caixa de mistos baleira ata que un día picoume un bicho e funo empeñar. Déronme 5.000 pesetucas das de aquela. Moito non era, pero, que raio!, pouco traballo me levou apañalas.
O curioso foi que, malia non importarme nada o obxecto, era feo e sen significado ningún para min, sentín un certo sentimento de humillación no feito de empeñalo, de agardar a que o vello de zapatillas collese o anel para examinalo, adaptase a lupa no ollo, o puxese baixo a luz dun flexo e, finalmente, me mirase, xa sen lupa, para declarar que o anel José y Mary 1967, a pesar do seu volume, do seu peso e do granate apagado que o adornaba só me ía reportar 5.000 pesetucas.
Como non estaba disposta a repetir a experiencia e quería irme canto antes de alí extendín a man e collín o billete. Saín aliviada do reducto do avaro e sentindo xa a necesidade de desfacerme canto antes daqueles cartos sobados que me daban noxo do de verdade.

5 comentários:

torredebabel disse...

unha chea de Joses e Maris 1967 teñen feito o mesmo, cos mesmos sentimentos e co mesmo noxo na gorxa. Só que no caso deles, se cadra, os aneis non chegaron da man do mar senón dunha ex parella. Bicos moitos!

Suso Lista disse...

Torredebabel si que sabe. O mar trai moitas cousas, pero tamén as leva. Feliciano

Ana Bande disse...

¡impresionante foto! Deus nos colla confesados cando o mar cuspa todo o que non é que de dixerir...

SurOeste disse...

Ás veces téñome preguntado pola verdadeira historia de José e Mary, unha historia como outra calquera que empezou -ou rematou- arredor de 1967.
Poida que José fose mariñeiro e que o mar o dixerise cuspindo as súas botas en Doniños e o seu anel en Cabanas.
Poida que José fose infiel -ou non- e perdese o anel mentres arrolaba na area con Mary -ou non-.
Poida que... vós mesmos.

FraVernero disse...

O mellor é a labor de reciclaxe, tanto con verbas coma cos restos mesmos. Igual que fixeches eiquí para nós. Ou estou a pensar nesas obras, eses quilts (edredóns?) de cadradiños de teas vellas que xuntaban as matronas afroamericanas forxando un arte do pobo e da identidade (neste caso, negra e feminina).

Feliz 2008, Sul!