Cae un sol de xustiza na Terra do Viño e xa son máis das sete da tarde, aínda que en realidade o tempo derreteuse no asfalto.
Un can pampea no medio e medio da estrada feito unha rosca. Cando pasa érguese con preguiza, dá unha volta arredor de min e de si mesmo e vólvese deitar coma dicíndome que non pagaba a pena levantar o cu por min.
Doume conta de que a estrada empeza e remata nel.
Alá adiante veñen tres (ou catro) mulleres, todas elas na feliz idade da xubilación, con roupa de garda e loito rigoroso, en animada conversación. Debeu acabar xa o cabodano e decidiron non quedar á novena.
-Meu aghudo!!- berra unha- e estabas aí, meu bonitiño.
O can séntese aludido, recobra a vitalidade, desenróscase e corre en busca das garatuxas que lle ofrecen. Vai para a casa en doce compaña. É o rei.
A estrada coma por arte de maxia volve a traer e levar o can e maila dona con trote lixeiro.
5 comentários:
como se as vira. Como se as coñecera. Esas mulleres...
PD: sorprendeume o verbo pampear. Qué sentido ten?
Quedar pampo (aparvado).
Pampo c'est moi.
Non, Pepin, non es pampo, se cadra andas un pouco apampado,debe ser o tempo, por iso che teño que dar un pouco de caña, por ver se sacudes a troita. Bicos para ti.
Ah! Torre, pampear tamén se usa moito cando alguen está quedando durmido ou bota unha soneca.
Este é um dos textos mais bonitos que já li. Os cães e as velhas, e todo esse ambiente, comovem-me. E que bem escrito ele está!
Enviar um comentário