Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, agosto 16, 2007

Dispersión

Funme sen colgar o letreiro e andei por aí dun lado ao outro do noso pequeno país, da terra das maciñeiras á do viño, vendo e, sobre todo escoitando. Galicia é Galicia malgré tout.
Destes días de dolce far niente vouvos contar dúas cousas, a primeira delas ocorreu nun lugar calquera da Galicia mindoniense, ao que chamaremos A Terra das Maciñeiras:

Buscando un sitio agradábel para xantar, a estrada levounos a unha aldea onde puidemos aparcar dous coches e estirar unha mantiña á sombra dunha ameixeira. Ao pouco de rematar o xantar chega un home, nunha man unha galleta e noutra un enciño, a botar unha parolada. Foi o que se di unha boa parolada que nos informou da súa vida, da dos seus fillos, das abellas, do porco bravo e das fabas. Logo, sen ningún apuro, seguiu camiño para darlle volta á herba segada case ao pé de nós. Deunos a impresión de que a herba era o seu obxectivo secundario.
Ao pouco, cando xa tiñamos todo recollido, chegou unha muller dándolle o brazo a unha vella velliña.
-Velos? Aí os tes aos picariños. 
A vella ría sen dentes e miraba case sen ver cos seus ollos abrancazados de cataratas nunha expresión de total alegría.
-Os pícaros son cousa boa.- dixo ela sen dubidar.
Naquela aldea os nenos extinguíranse había moitos anos e a velliña só os vía, se acaso, cando tiñan que levala ao médico.
A segunda historia, co voso permiso, queda para mañá.

Sem comentários: