Número total de visualizações de páginas

domingo, novembro 01, 2009

Caricias inquietantes

Xa comentamos como o tema da nova muller emerxente nas fins do século XIX e principio do XX tiña desconcertados e preocupados á inmensa maioría dos varóns, entre eles moitos intelectuais e artistas que arremeteron con furia contra as pretensións de igualdade e independencia que empezaban a soar con forza desde o movemento feminista. E aí están para comprobalo os textos misóxinos de Nietzsche e de Schopenhauer e de Kierkegaard e a preocupación que rondou a Freud durante toda a súa vida: "que quere unha muller?" ou a alarmada advertencia do pintor Gustave Moreau: "L´intrusion sérieuse de la femme dans l´art serait un désordre sans remède".

No fondo, a certeza de que a orde patriarcal estaba definitivamente esborrallando, infundía un temor que se expresa nas artes con imaxes que asocian o feminino ao inhumano e, polo tanto, irracional: muller-animalizada, criatura dominada polos instintos naturais non domesticados pola cultura, ou muller-demo, aliada das forzas malignas do inferno.

A imaxe coa que se ilustra o post foi feita por Fernand Khonpff e titúlase A caricia (ou tamén A esfinxe ou A arte) en 1896 e representa a un Edipo adolescente e de aspecto andróxino e unha rara Esfinxe con aspecto de leopardo. Como sabemos, o xove Edipo –representante do masculino– ten que enfrontarse á temíbel Esfinxe –representante do poder feminino que se opón ás pretensións do heroe– que impide o paso, estrangulándoos no seu opresivo abrazo e devorándoos, a todos os varóns que pretendan traspasar a súa encrucillada e que non adiviñen os seus enigmas. Edipo, de feito, será o primeiro que logre burlar o poder da Esfinxe, precipitando a súa caída.

A asociación destes conceptos: muller-fera devoradora-gardadora de enigmas para os artistas decadentes fin-de-siécle presenta un indubidábel atractivo pois simboliza á perfección todos os fantasmas que os aterrorizaban e á vez os atraían sen remedio: "symbole de la lutte entre le désir de la domination terrestre et celui de l´abandon á la volupté" segundo se comentou na prensa da época acerca do cadro de Fernand Khonpff, como nos informa Erika Bornay en Las hijas de Lilith, Madrid, Ed. Cátedra.

2 comentários:

Rue Valette disse...

En relación con todo este asunto hai un par de historias reais que poderían moi ben ilustrar certos aspectos. Unha delas é a de John Ruskin, que parece ser que escapou do tálamo nupcial ó atoparse ante a visión do peludo pube da súa fermosa e flamante esposa. O desastre rematou na correspondente nulidade matrimonial. A outra é a referida á baronesa Elsa von Freitag e as súas andanzas no Nova York dos anos da IGM e seguintes, e dos seus avatares con Duchamp, quen por diferentes motivos tamén rematou escapando dela non sen antes tela sometido a un rasurado de pube que quedou recollido en fotografías tomadas por Man Ray.
En fin, en todo caso caricias inquietantes.

SurOeste disse...

Supoño, señor de la Rue, que Ruskin non pretendería atopar entre as pernas da súa esposa unha pirola lampiña e que Duchamp tería o detalle de varrer despois do rasurado.