Número total de visualizações de página

sexta-feira, novembro 06, 2009

Batalla perdida


Foto de Xebe d´Afrei

Cando recibiu a chamada e escoitou a súa voz extremadamente suave soubo que tiña a batalla perdida: era capaz de falar media hora seguida naquel ton amábel e envolvente facendo un demorado percorrido polos antecedentes, resultantes e consecuentes para pouco a pouco ir picando de aquí e de alí as conclusións inapelábeis, e ás veces facíaa rir e ás veces poñíaa seria, e dáballe á cabeza, pero cando se decidía a protestar xa a marea das súas palabras a arrastrara a algunha praia agradábel e sentía como unha caricia do sol no lombo e logo xa lle dicía que si, si, e el aproveitaba para arrincarlle un gurgullar de risa e rían xuntos e quedaban calados. Dime, dime ti, non eu, cóntame algo, pouco máis hai que contar, pois logo... e recapitulaba, tiña tanta forza que volvía a empezar, resumindo ou ampliando, tanto daba: se posuía o vento que movía palabras, a máquina que lles daba a razón, a capacidade de ocupar a súa mente e selar os seus beizos, o sol que lle quentase as pernas e a marea que a asulagase.

26 comentários:

Xan disse...

Hai batallas que mesmamente da gusto perder.

SurOeste disse...

Nunca se sabe, Xan, pero o que é verdade é que todas tampouco non se van gañar.

Anónimo disse...

Fermoso texto que se sitúa no medio e medio dunha historia, pois hai un antes e un despois que non coñecemos, mais que chegamos a intuír. A min gustariame ser tan persuasivo como o protagonista do relato, que houbese unha muller da que poder ser sol e praia e que me amase dese xeito. Ai, a felicidade que depara o amor cando este nos descubre!

Beluka disse...

Precioso texto.

Rue Valette disse...

Sempre haberá un antes e un despois que nunca coñeceremos.

SurOeste disse...

Pero podemos deducilo, señor de la Rue. Non vou facer eu unha exéxese do meu propio texto, mais todo parece indicar que hai unha reconciliación, unha das facetas do "amor romántico": fascinación, loita por conseguir o obxecto de desexo, reciprocidade de sentimentos, conflito, reconcialiación ou ruptura, frustración... unha considerábel inversión de enerxía se nos paramos a pensar. Eu son bastante escéptica con respecto ao amor romántico, señor anónimo. Non o vexo tan marabilloso coma vostede, non.

r.r. disse...

Jo
der
(con perdón, pero é que se lle pilla o ton á interxección verá que non lle dou atopado mellor palabra que o castelanismo para felicitala polo textazo)
Bicón!

r.r. disse...

E por certo: ¡Guerra, guerra e guerra!

Firmao: outro que desconfía do amor romántico alén do ámbito do xogo.

Alcedo Attis disse...

Ás funciós clásicas da linguaxe habería que engadir a de "preparación para o amor". Non sei que nome podería dárselle.
Moitas frases entre enamorados parecen ter como única función escoitar o timbre de voz do outro. Nelas, non importa o que se diga, mesmo poderían non ter senso, con tal de que conservaran as entonaciós e impostaciós características da voz da persoa amada.

Anónimo aludido disse...

En puridade, eu tamén son escéptico co amor romántico. Ora, tamén hai que recoñecer que o arrebato romántico ten o seu punto. Ademais, na historia tamén se adivíña unha carnalidade golosa e gozosa, que iso de ir de de trobeiro pola vida cantando as fermosuras da dama acaba sendo un aburrimento mortal se non se materializa en corpos mesturados e sangues acendidos. Ai, a felicidade que depara o sexo cando este nos descubre!

SurOeste disse...

Acabáramos! o señor Anónimo estaba falando de sexo!

SurOeste disse...

Función "preparación para o amor"

Clase 1

–Pichurrichurrritito...

–Dime, oh Deusa!

–Quen me quere a min?

–Pichurrichurrritito –bico–, Pichurrichurrritito –bico–,
Pichurrichurrritito –bico

–Ai!, ai!, ai!

–Vólveo dicir.

–Vólveo facer.

[...]

Anónimo aludido disse...

Recoñezo que cando falo de amor falo de sexo, e cando falo de sexo falo de amor, e viceversa (e perdón por tanto "falologocentrismo"). É dislexia sentimental ou el será que a noite me confunde?

Alcedo Attis disse...

Moitas grazas por a clase 1, Suroeste.

E cómo se pode chamar á función da linguaxe asociada á conversa telefónica entre dous adolescentes que non queren colgar, e falan e falan de calquera cousa, mesmo repetíndose, durante horas?

Alcedo Attis disse...

Posible continuación da clase 1:

-Mmmmm.
-Mmmm... non me queres nada.
-Quen non me queres es tí a mín.
-Claro que te quero.
-Quéresme, de verdade? Pois dimo.
-Quérote.
-Así non vale, si mo dis porque cho pido.
-Logo cómo queres que cho diga.
-DImo serio.
-Xa cho dixen serio.
-Dimo serio de outra maneira.
-Queeeeeerote.
-DImo mirándome aos ollos.
-(Coa mirada fixa). Quérote.
-Estaste rindo.
(...)

Upupa Epops disse...

Verbalmente, podio estar falando de amor algunha vez que outra. Pero a miña "comunicación non verbal" sempre está falando de sexo.
Aí vai un conto:

Entra un mozo nunha tenda, e dille ó encargado:
-Quería comprar un agasallo para unha rapaza.
-Pensas en algo concreto?.
-Claro que penso en algo concreto, por eso lle quero comprar un agasallo!.

SurOeste disse...

Señor Epops, onde pensa que está, nas letrinas dun cuartel?

Upupa Epops disse...

Non debo de ser señor, senon señora. A Bobela (Upupa) é un paxaro que ten nome femenino en galego. Curiosamente, as crias son "bobelos", con independencia do seu sexo. Polo menos na miña aldea, claro, que foi onde maméi o único galego que sei.
E ,por certo, non piséi un cuartel na miña vida. Pero ese sí qeu é un conto longo de contar.

Upupa Epops disse...

Por certo. Ao conto pode cambearlle o sexo de todos os protagonistas sin que perda nin gañe a graza (pouca ,moita ou ningunha, que eso dependerá do ointe) que podia ter. Polo menos no meu caso, o sexo dos protagonistas é totalmente indiferente a eses efectos.

Upupa Epops disse...

Pra eludir responsabilidades acerca da invención do conto, transcríbollo na sua version orixinal:
-Caut un cadou pentru o domnisoara.
-Foarte bine!.Va gînditi la ceva anume?
-Desigur! De aceea vreau sa-i cumpar cadoul!.

Pode leelo así, en rumano, na páxina 365 do método, con base francesa, "Le roumain sans peine" de Assimil. Xa bastante me costóu entender o que quería decir como pra percibir sensos ocultos.

SurOeste disse...

Si, claro, a súa capacidade de observación da realidade social é verdadeiramente notábel, pero paréceme que se enganou de contexto e de receptores para que o "chiste" teña os efectos que se supón que debe ter.Aquí non vai recadar nin un miserábel juá, juá.

Upupa Epops e outros paxaros disse...

Botareille unha man na sua procura dos leitores axeitados para os seus escritos, non aparecendo máis por aiquí.

SurOeste disse...

Moi agradecida, non sabía como dicirllo.

Fermín disse...

Se aínda ha de botarme a min tamén porque se me escapou un sorriso; e que quere!, gústanme os chistes malos!

SurOeste disse...

Eu non boto; desvío a outros foros máis axeitados a todos aqueles que veñan contando contos machistas, racistas, xenófobos ou que fagan apoloxía da violencia. Non están os tempos para rir ese tipo de grazas, paréceme a min.

Zeltia disse...

bueno, alédame descubrir este texto co que tanto me identifico noutro tempo da "tensión" neste espazo de comentarios.
o que eu percibo no texto e precisamente como esa tensión se vai relaxando e chega esa caloriña que tan ben sabe.
qué adentro pode chegar unha voz.