Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, agosto 28, 2009

Lazadas

Eu era unha nena querida que compartía xogos na aira co meu irmán pequeno e facía moita psicomotricidade fina devagando fabas e chícharos coas avoas. Tiña tamén algunha boneca que todos os días decapitaba e todos os días aparecía de novo coa cabeza recolocada enriba dun saco de trigo. Levaba o pelo curtiño, porque, segundo a miña nai, era moi práctico. O mesmo ca hoxe, poucas nenas levaban o pelo curto daquela.
Só era consciente da miña anomalía moi esporadicamente, por exemplo, cando lle preguntaban á miña nai se a nena do par era o meu irmán ou cando iamos á casa das primas, de sedosos cabelos ondulados. A miña tía solucionaba o problema colocándome un gran lazo branco ou azul ceo no pelo e vestíndome de "anxo" con ás de algodón canda as demais. Neses momentos sentíame realmente "anxo" e case voaba ao saltar desde o murete do adro, tan linda me vía eu perfectamente sexuada.


Un día comprei un vestido azul moi sinxelo, como de costureira, co que me sentín como cando a miña tía me poñía lazos no pelo.
-A que é bonito?- Pregunteille mentres llo mostraba.
-Moi bonito, pero ven aquí un momento.
Achegueime, desatou a fita da cintura coa típica delicadeza lenta masculina e fixo unha coidadosa lazada.
-Agora si que estás bonita!

3 comentários:

Anónimo disse...

Precioso texto. Suxire moito desde a cotidianiade que amosa.

XDC disse...

Na fotografía parecen as alas (ou ás, ou asas?) de unha volvoreta a piques de voar.

SurOeste disse...

As ás da tía eran de cartón con algodón pegado. Non sei como se aguantaban; era todo un misterio... debo ter por aí algunha foto.