Número total de visualizações de páginas

sábado, outubro 27, 2007

To be or not to be, Xurxo, that´s the question!



Protexta estase a converter, un mes máis, na miña revista de referencia tanto á hora do almorzo coma á da merenda. A deste mes achéganos á metaliteratura de Xurxo Borrazás, un escritor xa moi ben colocado como para que se lle presente o ineludíbel dilema ao que se enfrontan os escritores galegos cando lles chega a hora de ser traducidos ao castelán. Polo momento parece que xa ten as cousas claras de abondo, como nos advirte na portada da revista, "Eu non fago literatura galega, fago textos de Xurxo Borrazás". Sigamos lendo, que a cousa parece que promete...
Efectivamente a Xurxo Borrazás acaban de publicarlle a súa novela Ser ou non, de título metafísico e hamletiano, en castelán co título La aldea perdida, de título máis exótico e macondiano. Bah, un caprichito do tradutor ou do editor, non imos poñer pegas por esta pataca minuta, xa sabemos o que lles gusta o tema máxico-galaico aos de Madrí, e se non que lle pregunten a Rivas. Queredes tufo máxico?, pois tomádeo, algo máis? Si, Xurxo, si, tamén che mandaron quitar unha parte da novela Ser ou non, precisamente aquela onde ser ou non era a cuestión, porque iso aló en Madrí, psss, non lles ía dicir moito, e vas ti e tamén o quitaches, e inda por riba intentas xustificalo da maneira máis pataqueira que se che ocorreu.

"O editor díxome que lle gustaba a novela, pero que estaría mellor sen esa parte na que reproduzo o debate do xurado dun premio literario. O resto está igual, co premio e todo, pero o debate non. En realidade fora algo que eu metera aí de últimas, porque me dixeran en Galaxia que a novela era moi abafante, que precisaba algo de aire, e a min paréceme que talvez con ese debate a esponxaba un pouco. Quedara chocalleiro, nada fino, a verdade, así que cando o editor de Caballo de Troya me propuxo quitalo dixen que si decontado. É a idea orixinal, a montaxe do director que din nas películas [ri]."

A estas alturas xa estou totalmente confusa, o debate que esponxaba un texto abafante para os pailáns que o lemos en galego resulta chocalleiro e nada fino en castelán. E o escritor -o director que din nas películas- aparte de non ter criterio ningún, o pobre, bótalle a culpa a Galaxia (os de Caballo de Troya xa se ve que teñen mellor gusto).

Non vou xulgar, non non, que ao mellor mañá me dan un pastón por traducirme o blogue ao castelán, algo así como Nubecillas evanescentes e non vou dicir que non. Eu aí estou totalmente con Xurxo:

""Eu non son político, e non sei como facelo, pero pensemos en grande, pensemos que unha tradución ao castelán pode facer que lean as túas obras en Francia ou en Inglaterra máis facilmente que se estivesen en galego."

Xurxo xa sabe inglés, non vai ter problema alí, pero, por se chega a triunfar en Francia voume atrever a axudarlle coa conxugación dalgúns verbos: je suis épatant, tu es épatant, il ou elle est épatant, nous somes...

12 comentários:

Mr Tichborne disse...

Eu tampouco o interpretaría en clave de "texto para os galegos" e "texto para Madrid". Se cadra sinxelamente Borrazás introduciu ese fragmento e nunca acabou por convencelo de todo, e aproveitou a edición en español para quitalo. De certo que lle gustaría recurtalo tamén nas vindeiras edicións en galego. Ou será que eu son positivo por natureza :D Tenme pasado o de suprimir textos ou anacos que xulguei pertinentes nunha obra e logo vin que eran un erro, que ademáis afectaba ó resto do conxunto. O que xa entendo menos é ese cambio no título.
Segue a parecerme positivo que as nosas obras teñan saída noutros eidos coma traducións, sexan ó español, francés ou chinés. E ten razón en que hai máis lectores en español fóra do mundo hispano que en galego, esa é a realidade. Non se pode promocionar a nosa literatura fóra de Galiza e da lusofonía sen axuda das traducións, porque, sinxelamente, non a entenderían.

SurOeste disse...

A cuestión -the question- non é traducir si ou non, senón a actitude fronte a ese feito e as condicións de dominación en que se produce.
Un saúdo.

Gabriel Pérez disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Gabriel Pérez disse...

Por certo, que significa "je suis épatant". Para os que non sabemos francés.

Gabriel Pérez disse...

Ai, ho, que mal pensada me es

Mr Tichborne disse...

O que quería dicir é que se lle pode dar a Borrazás o beneficio da dúbida e que non fai versións "para Madrid" e versions "para os galeguiños". Non teremos un pouco de complexo? Se cadra é unha sinxela corrección, unha mellora do texto orixinal (ó seu xuízo de autor)
Un saúdo.

SurOeste disse...

Se o contase doutro xeito a min convencíame: na seguinte edición o autor revisa e refai o texto. Moi ben.
Tal e como o conta, ademais tentando diluír a súa responsabilidade nas esixencias das editoriais, xa non me cabe dúbida ningunha: Xurxo fai un texto para A e outro texto para B, e ponlles caificativos. Que son moi dura nas miñas interpretacións? pode ser que non sexa quen de "pensar ao grande" ou que a miña vara de medir mida cousas diferentes.

SurOeste disse...

Nota para Gabriel:
épatant, e: admirábel, estupendo, colosal. C´est épatant! é extraordinario! (tamén no sentido de escandaloso: "épater le bourgueois" célebre lema do artisteo vangardista parisién).

eue disse...

Ei, Suroeste, estes dous últimos post dan no albo de pleno. Fixeches a análise máis atinada que lin da postura Borrazás (boto por diante que a min o que el escribe gústame e considero necesaria a (auto)crítica). E tamén concordo contigo na valoración de Lupe, que é tanto vítima da incomprensión urbanita coma da superficialidade de quen queda nas palabras "feas".

SurOeste disse...

Alégrome de que coincidamos, Eue, a próxima entrega vai ser o teu libro, teño curiosidade por ver se estiveches racaneándonos Haicús todos estes meses para forrarte coa edición dun libro que se vai vender coma os churros. É broma...
A verdade é que como non estou en cenáculo ningún nin me coñece ninguén gozo dunha liberdade sen cancelas para dicir o que quero sobre o noso querido sistema sociocultural. E isto dáme unha pista para o próximo post que, mira por onde, che vou adicar con moito cariño.

Gabriel Pérez disse...

Grazas pola lección de francés.

eue disse...

Graciñas pola adicatoria ;-) Pois non, non racaneei. De feito o blog sae gañando en número. O que si é que os textos hai que adaptalos ao soporte, e iso implica algún cambio.

Unha aperta