Número total de visualizações de páginas

sábado, agosto 25, 2007

Carta aberta dun admirador

Nos meus case dous anos de bloguismo teño colleitado comentarios animosos, sorprendidos, laudatorios e, por suposto tamén, reprobadores e despreciativos. É normal, na blogosfera pásame máis ou menos coma na vida e así hai que me adora e que non me soporta e eu non fago nada (estou convencida que aínda que quixera non poodería facer moito) por evitar nin unha cousa nin outra.
Todo isto viña a conto por unha carta que recibín hai un par de días dun autonomeado rendido admirador na que se fai unha curiosa análise dalgúns dos meus post máis polémicos para logo aventurarse nunha reconstrución aproximada da miña suposta personalidade. Atrévome a reproducir aquí algúns dos comentarios que máis me chamaron a atención, xa saben os lectores da miña paixón polo comentario de texto, co ánimo de confrontar a percepción que cada un dos habituais deste humilde espazo teñen dos temas que se tocan e da propia marcha do blog.
"Porque, que é en definitiva Nubosidade variábel? Non é un blog literario, nin político, nin de actualidade cultural -escasamente os acontecementos de actualidade atopan eco nestas páxinas- nin un diario persoal (...) e con todo aquí aparecen en segundo plano todos estes aspectos do noso país, Galicia. É esa é, estimada Suroeste, ó meu ver a clave que anima esta páxina súa: a inequívoca mirada galega sobre todo o que nos é familiar, ese "aquel non sei eu" irónico finamente destrutivo, esa acidez de veludo (tamén tan familiar) que nos seus escritos aparece pegado na palabra máis inocente. (...) Isto, que polo que vexo nos comentarios que lle vai deixando a súa fiel parroquia, pasa facilmente desapercibido, é o que me ten cautivado á súa Nubosidade variábel".

7 comentários:

Anónimo disse...

Sorpréndeme

Anónimo disse...

Sorpréndeme, dicía, que Suroeste publique esa carta persoal pero no fondo práceme porque me anima a falar. Eu, que son tamén seguidor dende hai tempo destas páxinas e que nunca escribín nada por non ser persoa estudada, vexo reflectidos os meus pensamentos en cada unha das palabras do anónimo admirador. Con todo, recoñezo, non sen acorar e co temor de crebar algunha regra escrita nalgunha poética, que, namorado primeiro das súas palabras, devagar fun desenvolvendo unha afección pola persoa de Suroeste, a que escribe no ordenador, e que ás veces os meus soños se ven abaneados polo seu vento. Desculpa, Suroeste, o meu atrevemento: saber dos teus admiradores mergulloume nun estado de certo desacougo. Debátome no vello dilema: "namórame Suroeste ou son as súas palabras as que me namoran?". Que sería das palabras sen Suroeste? Que sería de Suroeste sen as palabras? Non teño respostas: gustaríame albiscar a súa figura, mesmo que for de lonxe, para acougar na miña soidade.
Vólvoche pedir desculpas pola miña impertinencia. Calarei, se así che prouguer.

SurOeste disse...

Para vostede, O.P. Suroeste existe só en mentres teña gana de escribir este blog. Non lle dea máis voltas e disimule a rudeza.

Anónimo disse...

Disimulo. Pero, logo son só palabras nun contorno virtual? Non me contestou as preguntas que formulaba. Vexo que non ten respostas para esas cuestións fundamentais (somos o que falamos?, falamos o que somos?, somos algo máis ca palabras?) e por iso me despide con rudeza, que non merezo. Eu só pretendía ir máis alá da pantalla do ordenador, coñecela mellor ou descoñecela. Non quero pensar que o que nos conta da súa vida é unha ficción bloguesca. Se cadra, si. E disimule, tamén, se a ofendo.
Agora estou arrepeso. Non debín escribir, debín seguir escoitando.
Un saúdo.
Odeusa

Anónimo disse...

Vaia!
Case que espero por outro post.

SurOeste disse...

Señor Polo: é vostede doutra época ou ten unha regresión?

Tío Pepin: atopo moi graciosa o seu comentario, onde adiviño unha certa "pelusilla" de celos. Anímese, home, que onde caben dous caben tres, e non bote pola borda a súa ben merecida fama de mundano e libertino.

Anónimo disse...

Dixen que non volvería escribir pero debo facelo pola actitude de Suroeste. Vexo que me trata mal de palabra cando eu só quero o seu ben. Son doutra época? Entendo que fala do meu estilo. Como lle dixen, non son persoa estudada. Quixen facer Filoloxía Galega en Santiago cando era mozo; non puido ser e a vida levoume polos camiños dun autodidactismo precario. Agora, xa mozo vello, escribo seguindo modelos anticuados tirados dos poucos libros da miña biblioteca (algo de lingua, un pouquichiño de literatura, nada de teoría literaria). Si, son doutra época. Entendo que me xulga, Suroeste, pola forma non polo contido. Vostede é unha namorada do significante, non o pode ocultar. Sufro unha regresión? Non, non estou sometido a hipnose pero, se cadra, estou a lembrar, sen eu me decatar, algún momento en que coincidimos sen nos coñecer, algunha ollada. Viviu vostede nalgunha época da súa vida en Santiago? Eu si e alí traballei na hostalaría durante un par de anos. Paseaba vostede pola Porta Faxeira?
Ás preguntas que lle fixen, aínda sen contestar, engádese agora outra. Por que apela á fama de mundano e libertino de "Tio Pepín"? Pensa que eu son así? Pensa que me estou a burlar de vostede? Pensa que o que lle conto non é verdade? Para min as palabras son importantes se están asociadas a conceptos e os conceptos lévannos á realidade. Daquela as miñas palabras son a realidade. Son as súas a realidade para vostede? Tamén non vai contestar, seino. Non son nada para Suroeste e dóeme.
Odeusa