Número total de visualizações de página

sábado, abril 28, 2007

Mulleres na posguerra española



Lembra Leira Pazó a mamá Luz Dolores sempre sen loito exhibido; repartindo decisións e azos sempre; para que as fascistas vexan. Esas que berraban para ela na porta da casa da Rúa Dolores, estando ela preñe e o Tenente de Máquinas fusilado recente:
-Hay que exterminar la semillita. Hay que exterminar la semillita- que berraban rachando a voz en agudos descontrolados as do escapulario.
Sempre Leira Pazó lembra mamá de bata aos lunares, no verán, coa permanente e o sapato topolino, cando non a atrevida sandalia Gilda. Ela desafiante, loira, coriácea (...).
Os ollos de mamá eran tristes, grises. Na memoria de Lisardo Leira Pazó, esixentes instructores sen réplica nin retorno. Co tempo, as bochechas do ollo avultáronselle e penduraron, e as pernas fóronselle pondo grosas na canela, co arrastrar das pantuflas.
A poder de pasaren os anos, cada vez Luz Dolores Pazó, a mugardesa, se vestía menos e case non saía. Xa nin sequera ía á misa dominical, sen medo a espertar por iso as iras das veciñas franquistas da Rúa Dolores, que agora a saudaban cortesmente ao se cruzaren no trafego e as angueiras da Cidade Departamental.
Pero cando Luz Dolores comparecía en público, por veces no cine, ou atravesando a Praza de Armas para algunha visita de confianza, seguía sendo unha presencia impoñente, máis e máis respectada. No taconeo ostentoso de Luz Dolores todos sabían que ía incluído o sogro masónico e desiludido, o marido fusilado tras Consello de Guerra, o irmán, Concepto Pazó, preso no Penal de El Dueso e indultado da pena de morte. E as modosas da Rúa Dolores, as que berraban na porta da súa casa, de veo á cabeza e misal apertado contra unha teta, agachaban a testa e enconicaban o fuciño de donicela para renderlle un saúdo que Luz Dolores, dignísima, accedía a devolverlles con soberbia naturalidade(Méndez Ferrín, No ventre do silencio:47-48).

8 comentários:

FraVernero disse...

Ah, sí... O ventre...

Lembro que a parte que me facía máis coña era aquela na que Narda lle escribe poemas en francés ao trasunto de Otero, Maître Obscur (ese anaco é a miña primeira entrada na miña bitácora).
Outra escea entrañábel é a do coxo que -moi ferrinita- berra 'Viva Stalin!' antes de que o mallen os grises. X.L. soe destacar ben nas esceas escabrosas, nas que sospeito que peca de certo voyeurismo sádico cara as súas propias personaxes.

SurOeste disse...

Querido Frater
Eu empezo a sospeitar que se un/unha non é un pouco cabrón/cabrona, xamais poderá ser un bo narrador.
Non teño moitas dúbidas acerca de Ferrín: penso que é un excelente narrador, que sabe tocar todas as cordas do meu corazón (mesmo as máis sórdidas)
Paso agora a facerche unha visita, a verr se hai novas da cea-baile...

Musgallo disse...

Non lin máis ca un cacho do Ventre, así que non identifiquei o anaco. E sen ver que era de Ferrín, antollóuseme que era teu, Suroeste, pola maneira de narrar.

SurOeste disse...

Estasme chamando...epígona??

Musgallo disse...

Ha, ha, ha, Suuuuuuu...!!!!!

torredebabel disse...

canta sintonía SurOeste! estou a rematar unha novela de Queizan e a que sigue na lista é... No ventre do silencio! Adiantachesme a maxia, o poder da verba ferriniana, o encanto e as paixons... Graciñas admirada amiga!

Ana Bande disse...

Eu tamén lin pensado que era seu este verbo -os seus post non quedan moi lonxe- non identifiquei a Ferrín, esto ten fácil arranxo...hoxe mismo vou remexer no anaquel 869.9 MEN e quedo limpa de pecado. Grazas pola lembranza.

SurOeste disse...

Epigona!!
Quel horreur!