Número total de visualizações de página

sábado, abril 14, 2007

(Aproximación á) Introdución do plátano en Galicia



Chegou hoxe a miña irmá –paréceme que xa vola presentei- contando que o introdutor dos plátanos en Galicia foi o bisavó dun colega seu de Burela, coñecido para historia como Capitán Rúa. A cousa disque aconteceu pouco máis ou menos así:
Estaban unha vez o Capitán Rúa e a súa tripulación cansados de dar voltas polo mar sen pescar nin unha sardiña e, cando xa decidiran dar volta de baleiro, viron que se acercaba un buque. Agardaron e estableceron comunicación con el, a berros, supoño, naqueles tempos, e souberon que transportaba plátanos. ¡Un buque cargadiño de plátanos! Negociaron e compraron plátanos para encher o seu barquiño, pensando facerse ricos en canto chegaran a porto. Costar costou lles traballo…chegar a porto primeiro e vendelos despois. De feito, como en Burela non tiñan saída seique acabou, o Capitán Rúa, contratando un camión para levalos ata a Coruña. Desde Burela, imaxinade, ata a Coruña ¡e no ano 65! Non sei se crelo.

De todos os xeitos, este último dato invalida a pretensión de ser o Capitán Rúa o primeiro en dar a coñecer ás salvaxes tribus galaicas o froito marelo. No ano 65! Os de Burela sempre andaron un pouco atrás das outras tribus e por iso lle contei á miña irmá, e agora a vós, o conto tal cal mo contou a min a miña avoa:
Antes có Capitan Rúa, alomenos 45 anos antes, o meu bisavó, que andaba de fogonero no Río de la Plata, nunha viaxe de volta comprou nas Canarias unha fermosa piñoca de plátanos para facerlles abrir a boca aos veciños de toda a redonda. Nunca tal se vira, algúns empezaron a arreghañar os dentes burlentos. Esperade e veredes: colgouse a piñoca no balcón e alí foi madorecendo. Pero nin verdes nin maduros, amigos, o que se di amigos, os plátanos non tiveron ningún. Seique esghanaban a un e cuspíanos. Acabaron de podrecer no esterco.

Por favor, se alguén pode achegar máis documentos históricos anteriores aos narrados, que non dubide en poñer un comentario a este post. Xuntos, se nos poñemos, recompoñeremos a verdadeira historia da introdución do plátano en Galicia.

3 comentários:

FraVernero disse...

Eu aportar non podo aportar documento nengún. Só lamentar que a árbore non se dé mellor nas nosas terras, xa que gosto dos plátanos máis que os monos. Alén, é árbore para repousar e dialogar con Filosofía (véxase o Fedro platónico, que non platánico). Musa Sapientium é o nome latino do arboriño.

pablo disse...

Non sei, non sei, a min dáme que iso da "introducción do plátano" é un asunto bastante máis vello

torredebabel disse...

Non pidas documentos, non vaia ser que a historia non sexa esta e, como di un vello xornalista arxentino, non deixes nunca que a realidade estrague unha boa historia ;-))