Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, julho 02, 2010

Les Guérillères

Foto de Xebe d´Afrei

Celeste tiña o rostro moteado das sombras e o sol da mañá. O brazo extendido sobre a herba era percorrido por unha palla que manexaba a súa amiga Valente. A palla detense e Celeste abre os ollos pedindo unha explicación.
–Por que paras? Quero que sigas.
–Non sabía se che gustaba.
–Mmmmmmmm... Non quero que acabe nunca.
–Por agora tedes tempo– di Liberada mentres apaña cereixas e cospe carambuñas o máis lonxe que pode. Achégase a Flora, que está repasando para o exame de Grego, e vaille adornando as orellas con acios de froita vermella. Logo ponlle unha ben madura entre os beizos e pensa na dozura da froita escorréndolle pola gorxa á amiga. Cospen xuntas as carambuñas.
O sol chegou onda elas e atravesou xa as pernas de Celeste. Agora báñalle o ventre que sobe e baixa e paz absoluta. Valente vixíaa por se quedou durmida co bulir da palla pero o sorriso que debuxa na cara advírtelle que non, que segue concentrada nas cóxegas.
Flora di algo da aurora de rosados dedos e Valente toca cos seus o brazo da amiga.
Farta de froita, Liberada concéntrase no recitado e a súa imaxinación viaxa a tempos antigos. Déitase na herba coas pernas abertas e xoga coa luz abrindo e pechando os dedos sobre os ollos. O sol está case no cénit e cheira a guerra.
O agudo son da serea esperta a cadaquén dos seus soños. Acabouse. Á seguinte clase si que tiñan decidido ir. Van desfilando as guerrilleiras e baixan do seu retiro elevado. Liberada queda atrás, presa da gravidade do precipicio.
–Ei!
Flora vólvese para reincorporala ao grupo.
–Non pensarás en tirarte!
Míranse en silencio e regresan collidas da man.


4 comentários:

Anónimo disse...

Moi ben Anxos si smpre na túa liña Erótica. Con moi mal recordo a tua alumna Ana.

SurOeste disse...

Ir a clase era obrigatorio, tanto para a alumna coma para a profesora; vir aquí non, polo tanto quedas escusada de ler estes textos, insignificantes partículas do universo.
Unha aperta.

espía en la sombra disse...

Moi preguiceira está porque hai 16 días que non pon unha entrada nova. El será que xa non hai nubosidade, nin variábel nin permanente?

SurOeste disse...

Tantos días? Pasáronme voando!