Número total de visualizações de páginas

segunda-feira, junho 15, 2009

Encrucilladas

Foto de Xebe d´Afrei

Ghizlane Harkaoui Baati, alumna de 2º de tradución na UVIGO, galega nacida en Beni Mellal, en Marrocos, ó pé do Atlas, de pais de alá, escribiu, a xeito de comentario ao poema de Xebe d´Afrei "Sobrevivir ao aceiro" publicado hai uns días neste blog, este impresionante poema. Trátase dunha profunda reflexión dunha persoa que vive a contradición cultural, como nós a vivimos, como tantos seres humanos a viven neste mundo convulso que nos arrinca da nosa terra, aínda permanecendo nela, e nos cospe en calquera praia. A cultura como identidade íntima e colectiva e como construción diaria imprescindible para a supervivencia. Grazas, Ghizlane. Nós tamén queremos compartir e legar a nosa cultura aos que non a herdaron e mesmo aos que queren desherdarse.


Desafío da contradición, beleza do extraordinario
vida non autorizada

Folgos de morte,
desafiuzamento case seguro
Esperanzas de reimplantación
ou de vida protexida

Insólita combinación:
non quero nin queimada nin té,
tampouco zocos nin babuchas,
nin pandeiretas nin laúdes

eu quero legar o que non herdei
inshallah, inshallah


Ghizlane Harkaoui Baati

4 comentários:

Anónimo disse...

Moi boa a poesía e profundo o comentario. Quique.

Anónimo disse...

Si que é unha reflexión profunda, si. Dá moito que pensar, nestes días que vivimos.
Engádase o problema da indecisión (que pode derivar perigosamente en parálise) inherente a toda encrucillada. De aí o medo tradicional que se lles ten.

SurOeste disse...

Nas encruceladas anda o demo ao asexo, non se pode un parar moito.

Anónimo disse...

Que gran verdade. A miña vida está chea de encrucilladas, e teño o mal costume de parar e parar para decidir...