Número total de visualizações de páginas

segunda-feira, junho 29, 2009

Alguén, ao final, sabe onde se meteu Karl?


Non sei se serei eu a persoa máis adecuada para firmar unha crítica obxectiva da representación de Onde andas Karl? que ofreceu a Escola de Teatro de Narón o pasado xoves. Non o son porque dalgún xeito estou xa implicada afectivamente co texto, co autor e coa compañía que a puxo en escena desde que accedín a ver o primeiro pase convidada por Rubén Ruibal. Mais tamén sei que todo isto non é sequera dabondo para contrarrestar a miña corrosiva tendencia crítica, así que desculpen todos os que se poidan sentir agraviados que aí vou.

Non vou ser a única que o diga, pero se cadra si a primeira, posto que xa tiven o privilexio de ler a versión inédita de Onde andas Karl?: é un texto extraordinario que nos fai pensar na historia das ideas dos dous últimos séculos, na morte, na vida, no amor e no sexo, nas conquistas e conflitos sociais e psíquicos, que nos fai rir cuns diálogos cargados de ironías e dobres sentidos. Os caracteres creados por Rubén Ruibal, malia o disparatados que nos poidan parecer, non están moi loxe de nós, coas súas grandezas e as súas miserias devoradas pola fauna cadavérica, que, por certo, serve para alimentar os mortos animados nun perfecto proceso de reciclaxe.

A posta en escena é moi simple. Todo xira arredor da cruz dunha tumba, cousa lóxica posto que a acción localízase nun cemiterio, e no fondo do escenario vanse proxectando imaxes relacionadas con este lugar, nomeadamente unha gran cara de Karl Marx, antigo habitante do cemiterio, que decidiu marchar sen moitas explicacións deixando na máis completa desorientación á súa compañía de circo, o Tristérrimo Circo do Cemiterio de Highgate, no máis alá. Os efectos sonoros tamén están reducidos á mínima expresión e son os mesmos actores e actrices os encargados de interpretar as cancións do seu show sen acompañamento ningún, o cal non deixa de ter o seu mérito.

En canto á interpretación é en xeral notable. Se cadra a locución vai rápido demais nalgúns tramos e, se cadra tamén, hai unha excesiva rixidez na postura dos actores e actrices que pode obstaculizar a consecución de interpretacións máis matizadas, pero o máis atinado será pensar que se buscou adrede un certo expresionismo interpretativo que non lle cae mal a unha obra coma esta, raiana co esperpento.

O público, que parecía pouco nun impresionante teatro de máis de novecentas prazas como é o Pazo da Cultura de Narón, acolleu entusiasmado a estrea e tanto os actores, coma o director , coma o perpetrador do texto foron aplaudidos calorosamente ao final da representación.

Prometino e aquí está. Admítense suxerencias e matizacións a esta opinión imperfecta.

1 comentário:

Anónimo disse...

Eu estaba alí e coido que o texto ten un algo (ou un moito) de valleinclanesco.
Ser non era un cruceiro, mais parecer parecíao... non?
Gustoume moito.
x. b.