Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, fevereiro 14, 2007

Queremos saber


Onte lin en Vieiros que o historiador Dionisio Pereira foi denunciado pola familia dun alcalde falanxista ao que as fontes orais dos superviventes do xenocidio inculpaban nos crimes impunes que se sucederon entre o golpe de estado de 1936 e a posguerra dos anos 40. Dionisio Pereira deberá acudir mañá 15 de febreiro a un acto de conciliación onde se lle esixirá que se retracte e indemnice á familia do alcalde falanxista.
Desde toda España Dionisio Pereira está recibindo mostras de solidariedade de persoas e colectivos sensibles á demanda da Memoria Historica e desde aquí quero adherirme totalmente a esta causa. "Todos somos Dionisio Pereira" lin hoxe nun comentario en Vieiros, si, os que queremos saber somos Dionisio Pereira.
A historia oficial e os poderes posfranquistas foron extraordinariamente xenerosos cos asasinos, maltratadores, violadores e ladróns. Tamén a igrexia. Todos miraron para outro lado, administraron os sacramentos correspondentes e pensaron que con iso abondaba. Os demais, os que quedaran, xa tiñan dabondo con sobrevivir.
Mais a historia ten outros xeitos de transmitirse, se non chega ás aulas ou aos parlamentos transmítese oralmente, de pais a fillos, de avós a netos, de tíos a sobriños, dos que conservan a memoria aos que queren saber. Eu pódovos contar o que pasou desde o 18 de xullo ao 5 de agosto (memoria histórica) na miña parroquia, case día a día, ou se preferides o bombardeo de Guernica visto desde o monte (esquecín o nome, ou se cadra o meu avó non o sabía, é o que ten este tipo de transmisión), as mulleres ás que lles cortaron o pelo, por roxas, ou o nome do garda civil que apaleou ao meu avó. Despois de todo sempre foi de dominio público. Os asasinos nunca se esconderon, andaban moi fonchos polo mundo, virís e deportivos, como narra Ferrín nos seus contos. Sempre tiveron nome e apelidos e sempre a seguridade da súa absoluta impunidade. Os que debían ter medo eran os outros, ou sexa nós.
Vai seguir sendo así?

3 comentários:

Anónimo disse...

vai. porque están protexidos pola santa transición e o pacto do silencio. esta foi a 1ª prevaricación da democracia posfranquista. creou un paradoxo que automutilou: en termos xurídicos agora só se poden perseguir os crimes doutras dictaduras. mais non nos engañemos: a memoria é un traballo tan árduo que sempre conleva
desvíos indesexados. véxase a memoria do holocausto institucionalizado/instrumentalizado por certos lobis americanos. afinal, toda a cultura é un documento de barbárie (walter benjamin dixit).
forza Dionisio! non pasarán!

torredebabel disse...

O historiador Dionisio Pereira tamén está sendo respaldado por persoas dende a Arxentina. Nos ben sabemos desas maniobras: nesta país, os militares asasinos (ainda os que están na carcere) demandan aos xornalistas que escriben sobre eles e, por riba, como presos poden facelo sen gastar un peso, polo que o xornalista ten que -ademais de ser acusado- pagar un xuizo no que a meirande parte das veces sae inocente.
Vai seguir sendo así?, preguntas. Eu coido que si. Ata que espabilemos, cando menos...

FraVernero disse...

Hai que loitar polo cambio... Será unha loita difícil, mais nunca (dede a 'transición' pactada co franquismo intelixente de Suárez) houbo tanto debate e tanto rexurdir da cuestión da represión feixista...
Quixera ser algo máis optimista que mexarodas, e estou seguro de que os facciosos non farán calar a Dionisio, que conta coa nosa plena solidariedade e total apoio.