Número total de visualizações de página

quarta-feira, fevereiro 07, 2007

Houellebecq et moi


Non é santo da minha devoción -diciame un amigo o outro día- mais penso que ten moito que dicir da sociedade contemporánea.
Eu debo confesar que tampouco é santo da miña devoción e que ademais estou convencida de que non di nada, absolutamente nada, novo e, o que é peor para un escritor, tampoco sabe como dicilo novidosamente.
O seu discurso, ben ramplón a nivel narrativo, é o mesmo discurso de macho egoísta e falócrata que está convencido de que a súa pirola é o centro do mundo. En calquera taberna atopamos machos solitarios bebidos e monotemáticos despregando o mesmo discurso.
Os seus protagonistas en 1ª persoa son sempre a mesma monótona voz, a do propio Houellebecq, tratando de disimular. As súas antagonistas, sempre mulleres, son un desdobre do propio Houellebecq para darlle sempre a razón a superHouellebecq (non hai interacción) un "si, neniño, si tes razón e aquí estou eu para darcha".
Na última que lin, e creo que xa me vou a plantar, Houellebecq é un cómico cáustico a quen a estupidez humana fai multimillonario. Coñece a unha muller guapísima, intelixentísima e no cume do seu éxito profesional, pero como tamén é cáustica déixao todo para vivir con Houellebecq dos seus millóns. É a muller perfecta se non fora porque está cerca dos 40 e a Houellebecq gústanlle as adolescentes. Ao cumprir os 40 esta muller marabillosa nota que xa non está á altura de Houellebecq porque as súas tetas xa van cedendo e, moi digna, déixao para que Houellebecq non se sacrifique e poida adicarse en corpo e alma ás rapaciñas. Ah! pero non é tan doado. As rapaciñas van basicamente ao seu e Houellebecq escandalízase de que estea perseguido o sexo con menores e que non se prostitúan con máis facilidade e a un prezo razoábel. Por fin consegue un bollycao que o volve tolo pero a súa pirola xa non é o que era e Houellebecq escandalízase de que a rapaza o poida deixar por outro máis rixo.
Todo isto salpicado por un apaixonante relato futurista de clons dos personaxes anteriores. É o toque "modelno" da novela e Houellebecq case queda calvo no intento, como se pode apreciar na foto.
Ben, a polémica está servida. Encantaríame que alguén me abrise os ollos sobre as virtudes que me escaparon e me quite o cabreo dos cartiños tan tirados en A posibilidade dunha illa (ED. Rinoceronte).

18 comentários:

Sir Gawain disse...

Houellebecq ten tantos defectos como os que ti dis... e aínda máis. Pero remito á comunicación e ás investigacións que ó respecto poida aportar Ur Apalategui, profesor da Université de Pau... que vía na súa obra un signo da configuración dun sistema literario global, dunha urbe apocalipticamente omniabarcadora.

Ou á opinión compartida con algún académico de máis peso que o meu de que a actitude de Houellebecq é a dun flâneur epatante e posmoderno.

A min non me gustan as súas novelas, parécenme estomagantes, pretenciosas e aburridas. Pero o seu signo é de grande relevancia e, sobre todo, debera ser unha proba (non o fora tamén Eco?) da desacralización do obxecto literario como o sublime coa chegada do relativismo crítico de raíces nomeadamente lyotardianas do discurso posmodernista...

Dixen


Alucina, vecina: http://www.usc.es/spubl/bl34.htm

inominável disse...

muito bom o teu retrato do Houlledecq e muito boa a sequência que lhe deu SIR GAWAIN...

Por mim, só li "les particules élementaires" e fiquei vacinada... é muito cruel e parece-me excessivamente drástico com a condição das mulheres, reduzidas a objecto sexual descartável, pelo simples facto de que envelhecem... e penso que apresenta o Homem-Macho no seu pior: falocêntrico, egocêntrico (que acabam por ser sinónimos) e estupidificados pela perseguição, única e implacável, de uma sexualidade que substitua todos os outros (eventuais) prazeres da vida...

torredebabel disse...

Sinto, pero non hei de ser eu quen che abra os ollos ás virtudes de Houellebecq. Tamén quedo á espera de quen o faga...

mexarodas disse...

pois xa te-los olliños ben abertos!
e o de flaneur posmoderno non o asino: sempre depende do que entendamos como posmoderno. e se xa evocamos o esprito de lyotard, que descanse en paz, tamén hai un posmodernismo con impulso ético, comprometido. Houellebecq, claro está, pertence á fracción anestesiante do posmodernismo e aí apodrecerá prao resto da historia. amais, hai eiquí, paréceme, un lixeiro desnivel cultural: esta voz falogocéntrica e politicamente incorrecta que tanto éxito lle supuxo, acompaña o fenómeno dunha pequena burguesía, no centro de europa, que é pseudoliberal, consumista, decadente, politica e eticamente desorientada. fáltanlle gusto e valores, refuxíase nunha procura da eterna xuventude e dos seus praceres, dándose conta, pouco a pouco, da vanidade da súa vida que van tapando cun cinismo medio coloquialmente eloquente medio barateiro. cando nin o intercambio de parellas nos swinger clubs xa supón aumento do pracer, chegamos ao éxito deste tipo de lecturas.
estas lecturas acaban sendo puro masoquismo. deberían traducir mellor a connie palmen (as leis) ou a cees nooteboom (rituais) ou, se queren algo máis cínico, a sybille berg. que se metan o houellebecq no... desculpen a tirada...

SurOeste disse...

Flaneur ten que ver con flan?

Por Deus, uns siareiros tan cultos -Gawain tiña que ser- obríganme a ter dicionarios de todos os idiomas enriba da mesa!

SurOeste disse...

Flâneur, flâneuse. mangante, a, lacazán, ana.

mangante epatante e posmoderno?


Benvidos os novos!

Algúns apontamentos:

Para posmoderno epatante apocalíptico cínico e omnívoro Milan Kundera ao lado do cal Houellebecq é un miñaxoia filosóficamente e un pataqueiro literariamente.
Mexarodas, moitos libros compran os pequeno burgueses desorientados de centroeuropa!

mexarodas disse...

se os lesen...

isabel victor disse...

"E que sera isso de expressao ibérica?". Perguntas bem ...

há expressões que se instalam, como que por inércia e ninguém as questiona ! Será que existe realmente uma expressão Ibérica ?

saudações

SurOeste disse...

Na miña opinión é un invento, un artefacto politicamente correcto. Quen estaba no encontro? escritores de "todas" as linguas da península ibérica? Tamén de Latinoamérica e África?

(para os que non saiban de que estamos falando, deben visitar o excelente blog de Isabel Victor)

FraVernero disse...

Ahám, xa vexo que cheguei algo tarde e o meu querido Gawain se me adiantou... O artigo de Ur é moi interesante. Se vos interesa, podo pasarvos unha copia (e/ou quizaves meta algún abstract na miña bitácora...).

Alén de aliñarme -cal ensalada- coas palabras do Sir (anque eu sexa moito máis crítico e desprezativo co 'relativismo crítico de raíces nomeadamente lyotardianas do discurso posmodernista'), dicir que hai varias posíbeis lecturas da obra houlebequiá, e que quizaves a lectura máis superficial (falócrata machisteiro e obsceno), lectura que por outra parte asumen e disfrutan moitos dos mercadores das súas novelas, está irónica e metaliterariamente tratadas nas obras e pescudas do personaxe Houllebecq...

Dicía mexarodas: 'Houellebecq, claro está, pertence á fracción anestesiante do posmodernismo e aí apodrecerá prao resto da historia'. A, pero hai algunha fracción non anestesiante? Cal é? O impulso ético de defensa da Outridade? ou qué?
-un tende a pensar que, con tódalas súas aportación, o pensamento posmoderno é anestesiante por definición-.

Con todo, tampouco comparto as confianzas en Kundera, un home que, como dicía aquel, 'está moi sobrevalorado'.

Saúdos

M.

tío Pepin disse...

Por partes:

i- Só lin 'Plataforma' e non me pareceu o peor libro que lin na miña vida, aínda que eso pode querer dicir que as miñas lecturas deixan moito que desexar.
ii- Creo que o fodido do que escribe o francés é que hai un mundo dentro da súa obra (en singular por i) que é o reflexo dun puto mundo occidental que existe e non é excepción.
iii- Discrepo do frade e dos outros que rexeitan a Kundera. Xa sei que dende os postulados teóricos de quen sigue defendendo alternativas pseudo-estalinistas Kundera pode resultar non grato, pero non é o mesmo falar da merda que levala nos zapatos. Polo demais, je suis kunderista e os seus scherzos últimos, que contrastan coa súa grandilocuencia primeira, para min (flaneur) son xoias.
iv (última): acabo de comprar de Rinoceronte a versión en galego da novela de Bohumil Hrabal. Fetichismo puro, perversión confesa. Ante eso todo Houllebecq e toda a posmodernidade impórtanme un carallo.

p.d.: perdón polos excesos e polos defectos. Bicos a Suroeste. Xa sei que teño contas pendentes con Sir Gawain (todo se andará).

SurOeste disse...

Que o tio Pepin era kunderista xa o sabiamos, que lle gustara o flan imaxinabamolo, pero que se fose entusiasmar tanto coas pallas mentais de Houellebecq estráñame de verdade.
O único que o redime aos meus ollos é preferir a Bohumil Hrabal e os seus ready made de papel reciclado en calquera idioma.

Mexarodas, por alusións, tócache (nobreza obriga)

Sir Gawain disse...

Non pensaba volver sobre o tema porque sinto preguiza falando sobre se a posmodernidade é anestesiante ou non... ou novamente á fase oral de se Lyotard era un vendido e hai que ler ós verdadeiros revolusionarios e todo iso que na sertao ten tantos defensores pouco prudentes...

Todo iso impórtame un carallo e o que me emociona e volver topar co sintetismo/sincretismo cortazariano e lúdico de puro culturalista malgré tout (pero sobre todo el mesmo) do tio pepin...

As débedas xa se han solventar. Se tu vales, bene est, ego valeo... (que dicía un posmoderno que respondía ó posmoderno nome de Cicerón).

Bicos para a direción, para Zacharias que me ten abandonado nunha casa deserta (tomada?) mentres preparo en agonía o último exame de febreiro e sempre para o meu querido pepin...


P.S.: Si, si, dálles caña ós pseudo-estalinistas como o Zacharías... Ha, ha, tio pepin martillo de herejes...

Sir Gawain: Achtung!!! disse...

Atención, cociña...

leo no blog de Jaure, lamentable escritor para institutos, opinador de majaderías e fillo de sete lobas, que o 9 de marzo virá Zizek á nosa vella Compostela.

Se se confirma, alí estaremos, con el e con Analía...

Giving it all...

mexarodas disse...

en principio non quería volver ao debate fatigante da distinción entre posmodernismo anestesiante e serio. este último, haber haino, cando se quere/sabe distinguir as árbores no bosque... lean Wolfgang Welsch.
ás veces tamén axuda substituír posmodernismo por posestruturalismo, mais os media xa maltrataron tanto o concepto que parece quedar cada vez menos xente con vontade de diferenciar... non me estraña. tal vez haxa de abolir o concepto, unha pena.
mais a razón porque me meteo outra vez é o anuncio da aparición do novo santo 'posposmod' Žižek. non é que me disguste. escribe moi ben, e ten momentos xeniais, mais a súa tentativa de recuperar o suxeito cartesiano é do máis falaz.. por moito que o concepto aínda quente os ánimos. Chama a atención que a súa listaxe dos “poderes académicos” que estarían a tentar “exorcizalo” (New age, desconstrucionismo posmoderno, teoría crítica e continuadores, ontoloxía heideggeriana, ciencia cognitiva, ecoloxía “profunda”, posmarxismo, feminismo) prescinde completamente da neurociencia e da sociobioloxía que, afinal, contribuíron cos argumentos máis convincentes. Vexan "The Ticklish Subject. The Absent Centre of Political Ontology" e, se ides a compostela a escoitalo, preguntádeo...

SurOeste disse...

Non me digades que non se está mellor na etapa oral ca na anal...(falando de regresións)

Isabela disse...

Ontem, na FNAC, só não comprei a edição portuguesa porque custava 20 euros, e decidi pedir emprestado a alguém. Mas peguei no livro por tua causa. Pela tua referência.

SurOeste disse...

O Isabela, se quiseres ler "A posibilidade dunha illa" em galego só tens que asubiar!

Estou contenta de que non gastaras 20 euros, mais tamén preocupada polo efecto que che poida producir a lectura...