Número total de visualizações de páginas

terça-feira, junho 27, 2006

A fonda do Sopapo

Sempre que volviamos de Santiago ou dunha viaxe -a nosa xeración xa foi moi On the road- para a casa, tiñamos que oír ao meu avó
- Queee, xa vides outra ves á fonda do sopapo?
Ao principio nin caso, pero a broma repetíase unha e outra vez e empezaba a non ter graza. Non víñamos acaso á nosa casa? Xa nos quería botar, ou?
- Es ben tonta- dicía entón a miña avoa. Dío pola Fonda do Sopapo, non sabes o que era?
A cousa poñíase interesante...
A Fonda do Sopapo era o sitio onde paraba sempre o noso bisavó fogoneiro en Barcelona mentres agardaba para embarcar ou descansaba dalgunha travesía antes de coller outra. Chamábase así porque a dona, que era unha muller de armas tomar, esixíalles aos hóspedes que lle entregaran o diñeiro todo no momento de entrar na súa casa. Ela administrábao honradamente, reservándose o que lle debían e encargándose persoalmente de enviarlle o resto ás súas mulleres antes que o gastasen en puterío e borracheiras. Se non se aviñan ao trato non entraban na casa e se algún dos seus fieis lle chegaba borracho e non entraba en razóns, arremangáballes un sopapo, poñía os cartos a salvo e logo... ¡a durmila! A patroa da Fonda do Sopapo era ao final para todos aqueles lobos de mar un anxo da garda que velaba polo benestar dos seus fillos, que facía posible a compra dunha leira ou o amaño da casa e daba seguridade a aquelas mulleres que quedaban soas coa vida ás costas. Por iso, nos momentos de lucidez, todos veneraban a aquela entrometida mandona e, cando desembarcaban no porto de Barcelona, sobrios ou bébedos, poñíanse baixo a súa protección.

Se fora hoxe...dáríanlle o Príncipe de Asturias da Concordia ou algo así?



9 comentários:

SurOeste disse...

cOMO???? O noso non ten nome, temos que buscar un especialista para que estude o noso caso.

SurOeste disse...

cOMO???? O noso non ten nome, temos que buscar un especialista para que estude o noso caso.

eue disse...

Ten un aquel coa sopaboba, pero desde logho había que facerlle un monumento a esa muller. Voullo contar á miña nai, que seguro que lle fai chiste e nunca máis me vai dicir se estou alí de hotel, senón "Benvido á Fonda do Sopapo".

SurOeste disse...

Achábate de menos, querido enchufe, e agora póñame vostede tódolos cartos enriba da mesa!

candorca disse...

Pois parece que mesmo ten variantes... eu escoitei: "a casa do sopapo", e ten un aquel con "casa de tócame Roque"... e un aire a fonda do Oeste, flaca-flaca-flaca-flaca... que dirían os de Chévere ;-)

SurOeste disse...

Isto está poñéndose interesante. Así e todo, eu creo na existencia da mítica Fonda do Sopapo e imaxino á patroa entrada en carnes, cun moño á Pardo Bazán, arremanghada e coas mans anchas e fortes coma as da miña bisavoa, temibles cando se poñían en acción.

torredebabel disse...

a min cáeme moi ben esta señora! xa quixera tela coñecido para falar con ela. Moitos premios merece!

Anónimo disse...

Your site is on top of my favourites - Great work I like it.
»

R.R. disse...

En Coruña, na rúa orillamar (seino, beiramar debía ser pero é que esa tamén a hai), hai un bar que se chama "A Fonda do Sopapo".