Número total de visualizações de página

domingo, julho 09, 2006

Deserción

Esta nunca vola contei, aínda que hai tempo que a teño apuntada, coma para facer un conto con ela. Pero hoxe quero contala así, ao bruto, tal e como a lembrei ao pouco de morrer a miña avoa Xoquina.

Eu era pequena, pero non sei canto...non conservo referencias para ser máis exacta. Os meus avós eran aínda novos e gobernaban a casa. Sempre traballaban xuntos, sempre miraban na mesma dirección. Poida que fose decembro ou quizais febreiro porque o día antes matárase un porco e levaban toda a tarde despedazándoo. Xa era de noite: no inverno logo é noite aínda que sigamos dicindo que é pola tarde. Estabamos no alprende do curral e eu miraba como ían colocando a carne nunha saba que puxeran enriba do carro. Era un ritual fascinante que non sempre me permitían ver. Meu avó non quería que os nenos vísemos a mata do porco, argumentaba que toda esa crueldade podería causarnos un trauma e levarnos a imitala. Hai que preservar aos nenos do horror... o porco enteiro colgado do teito da bodega tamén era un horror que eu evitaba, pero agora o porco non eran mais que pezas de carne que pronto serían comida. A pesar disto eu estaba un pouco sobrecollida.

Inesperadamente, a miña avoa díxome que tiña que quedar coidando a carne mentres eles ían preparar o baño de sal. Deume unha aguillada para que tornara os cans que andaban por alí. Quedei soa coa carne. Un carro de carne: as costelas, os touciños, os xamóns...a cachola inutilmente feroz de dentes arregañados. Tiven medo da escuridade, dos ladridos perdidos na noite, pero sobre todo da carne, e tremín coa miña aguillada no alprende, diante do carro.

Botei a correr polo curral arriba e metinme na casa de Pilarita. Chamei por ela chorando. Baixaron as escaleiras e acolléronme moi cariñosos. O home estaba en camiseta, coa cara laporetada de xabón de afeitar e a Pilarita fíxenlle gracia. Pero pouco me durou a felicidade, porque xa entraba pola porta a miña avoa feita unha furia. A carne, abandonada, sufrira o ataque dun can ou de dous cans e eu era a nena máis tonta e desgraciada do mundo, se me collía esgazábame que non merecía outra cousa. Volvín a chorar moitísimo, escondida nas saias da miña valedora.

8 comentários:

FraVernero disse...

Tsk, tsk... os vellos de antano recorrían con máis desenvoltura á violencia para resolver tódalas cousas...
xD

A verdade, os rapaces nunca fomos quen de asistir tranquilamente a ese ritual sanguinario e terríbel que é a matanza do porco. Aínda agora, máis grandiños, é un espectáculo desagradábel.
A última vez que aconteceu na miña casa foi un espectáculo aínda máis desagradábel, xa que tiven que axudar agarrándoo. O matachín non daba furado o corazón, e a agonía do animal prolongouse de máis... Talmente parecía (alén) unha persoa sendo acoitelada co maior dos sadismos.
Ese día xurárame non voltar a roer carne de porco nunca máis, pero o tempo borra as promesas, e (nunca mellor dito), 'la carne es débil'. Aínda así, debería ser obrigatorio (e durísimamente multado) o non proporcionar unha morte moderna e relativamente indolora para os animais...

torredebabel disse...

fixeches moi ben!!! eu non son a tua valedora pero, de selo, defendíache con moita forza!

Habitante unico disse...

Novidade em rede. Blog em galego:

www.ilhadeprata.blogspot.com

tío Pepin disse...

Galicia canibal... Fai un sol de carallo.

Tristeza não tem fim
Felicidade sim

SurOeste disse...

A vida é dura e hai que ir entrenando. Non son moi partidaria de edulcorarlles a realidade aos nenos. Neste caso a responsabilidade sobrepasábame, pero dalgunha maneira transmitiuseme a idea de que se me confiou algo importante.


Pepin xa che advertín acerca da trufas. Non facedes caso e logo pasa o que pasa...

Isabela disse...

Que história tão bonita. Tu não tinhas medo da noite nem da solidão nem dos cães... mas da carne, Meu Deus, como isso é simbólico de tantas formas. Que maravilha de texto.

Anónimo disse...

Interesting website with a lot of resources and detailed explanations.
»

Anónimo disse...

Interesting site. Useful information. Bookmarked.
»