Número total de visualizações de páginas

sábado, junho 10, 2006

Ferocidades domésticas

Carapuchiña é unha nena doce e xeitosa, só ten un
defecto: é unha lingoreteira e fala con calquera, mesmo
con descoñecidos. Ela foi a que trouxo ao lobo á casa
"coñecino polo camiño, avoa, non te enfades, está
famento".
Famento e esfarrapado, diría eu, quen sabe
que tipo de vida levaba aló no monte.Porén,
desde que entrou na casa era todo mel. Abríame a porta
do curral para que pasara eu antes, sacáballe o esterco
aos porcos, separábame a cadeira para eu sentar...e se
lle dicía grazas sempre contestaba "as que ti tes".
Unha vez bañado, o seu pelo tornou brillante e suave,
dentro da súa natural dureza. Non, nunca chegou a
semellarse á la de ovella.
Carapuchiña ía e viña da súa casa á miña, pola
Corredoira Vella, pola Pedra do Couto e o Camiño Real
case todos os días. Unhas veces traía requeixo, outras
pan de trigo, se cadra unha botella de viño, e moitas viña só 
a que eu lle dera a merenda. Aquel día trouxome o lobo
e logo marchou.
Logo duns días, xa vos digo, o lobo domesticouse moito
e pedíame aloumiños coma un gato. Unha noite tivo o
atrevemento de pasarme o rabo polas pernas mirándome
fixamente. Cando fomos para a cama, abriume a porta da
miña habitación e despois meteuse el. Non me resistín,
a min tamén mo pedía o corpo. Había tanto tempo que eu
non...Ai!

* * *

Un día Carapuchiña chegou cedo de máis. Entrou coma
unha tola na habitación e atoupounos en plena función.
Os ollos de Carapuchiña non puideron abrirse máis, deu
un chío de paxaro e saiu a todo canto lle daban as
pernas: "o lobo come á avoíña, o lobo está comendo á
avoíña". Estábame comendo, estaba, e a min
prestábacheme ben. Pero o lío xa estaba armado.
Case non nos dera tempo a recoller cando apareceu a
Garda Civil na casa armando un escándalo do demo. O
meu lobiño tiña o rabo entre as pernas, as miñas
pernas, cando recibiu o primeiro disparo. "Alto ou
disparo", e non se movera, meu pobre. ¡¡Asasinos,
fillos de puta!! ¡¡Entrometidos do carallo!! Nunca vou
esquecer a túa mirada de animal sobre min, lobo. Xa
non quero vivir maís coa xente, bótome ó monte, fágome
fera, ataco canallas de uniforme.
AAAAAUUUUUUUUUUUUUUUUUUUUUU!!!!!

* * *

Meu lobiño lindo:
Espero que te vaias recuperando do disparo nas costas
que che deron aqueles brutáns. Espero moi pronto
sentir o teu rabo nas miñas pernas (aquelas caricias
que me gustaban). Venme buscar á fraga. Agora a fera
son eu e necesito domesticación.

6 comentários:

torredebabel disse...

gustame moito máis esta versión ca que me leran de nena. Agora todo ten sentido!!!!

SurOeste disse...

Gústame revirar os contos fundacionais. Carapuchiña sempre foi o meu conto preferido e poida que o famoso cartel que veu de Buenos Aires teña a culpa.

Anónimo disse...

Atopo algo contradictorias -en relación ao resto do relato- as dúas últimas palabras da avoíña.

Claro que a avoíña parece moi pilla e esa 'domesticación' seguramente vai con segundas.

SurOeste disse...

Cando unha perde os papeis atopa as contradicións.
Pero non serei eu quen comente o texto. Xa é voso. E que aproveite.

Anónimo disse...

I like it! Keep up the good work. Thanks for sharing this wonderful site with us.
»

Anónimo disse...

Hey what a great site keep up the work its excellent.
»