Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, abril 06, 2006

O campeiro da Graña

Xa non había clase pola tarde. A Fermín mandárano alinda-las vacas no campeiro da Graña, onda a escola. Facía calor e o aire estaba espeso. A cadela Tula, sentada e coas orellas moi tesas, recontaba dos animais mentres Fermín tentaba sacar grilos dos seus buratos cunha palliña. Axiña cansou de facerlles cóxegas ós buratos sen ningún resultado: os grilos habían estar durmindo. Virou a cabeza á dereita e veu á mestra, dona Dorucha, amañando o pequeño xardín de diante da escola. A filla da mestra, unha nena duns catro anos, aparecía e desaparecía entre os macizos rodeados de buxo. Fermín decidiu achegarse alí.

-Dona Dorucha, ¿pode vir Ana comigo?

-¿E onde ides?

-Aí onda o campeiro.

-Non vos poñades moito ó sol que hoxe esmecha.

Para a pequena Ana nada podía ser máis excitante ca seguir a Fermín nunha aventura. Deixaron á Tula vixiando o gando e baixaron pola boqueira do campeiro ó camiño. O sol de maio era lume pero enchía de vitalidade á multitude de pequenos seres que ruxían agora na Graña.

Un poco máis adiante, á beira mesma do camiño, gornecido de silvas e xestas en flor, Fermín descubriulle á súa amiguiña un exótico tesouro: cascas de mexillón. Rudos moscardóns e atarefadas abellas zoaban sobre aquel magnífico achado, atraídos polo seu cheiro picante.

-Imos facer unha arradio que xa verás- dixo Fermín entusiasmado.

Escolleu unhas cunchas e chascounas coma se fosen castañolas. Logo, con incrible axilidade, atrapou con elas unha abella. Os dous riron a escachar co zumbido rabioso do insecto ó quedar atrapado.

-Toma. Colle por aquí e apreta ben, non vaia a escapar. ¿Va que parece unha arradio?. E ten conta non lle achegue-lo dedo pola beira. Eu vou facer outra para min.

A nena estaba embelesada co seu inesperado xoguete. Non podía afasta-los ollos da estreita fenda que formaban as dúas cunchas ó se xuntaren, xusto por alí vía a boca da abella e o movemento continuo dos seus órganos libadores.

-Parece unha arradio- dixo a nena moi convencida mirando cara ó seu amigo, e axitou a man para volvela a escoitar a todo volume.

Fermín non lle respondeu. Estaba moi afanado na caza dunha segunda abella que, ó parecer, se estaba complicando máis da conta. O enxame alporizárase e non daba feito; era coma se xa estiveran avisadas da ameaza que supoñía o chascar das cascas de mexillón.

A nena volvera a concentrarse naquela misteriosa regaña que deixaba ve-la actividade do seu inquilino. Observaba o dalle- dalle das patas e da boca sobresaíndo naquela escuridade e a intervalos sentía o zunzún das ás.

-¡Xa temos outra!- anunciaba victorioso Fermín no mesmo intre en que Ana achegaba un curioso furabolos á fatal abertura. Non fixo máis que pousa-lo dedo na beira do mexillón e inmediatamente recibiu unha punzante resposta da prisioneira.

Os alaridos de dor racharon o sopor da tarde. As vacas deixaron de pacer, Dona Dorucha deixou o sacho e a abella liberouse por fin do seu encerro. Fermín non sabía qué facer.

-¿Que fixeches? ¿ non che dixera que non metéra-los dedos aí? ¡Burra! ¿Quen che mandaría? Agora hei leva-las culpas eu e a túa nai vaime poñer bon.

Dona Dorucha xa viña polo camiño guiada polos berros da filla con cara de preocupación e paso apurado. Fermín adiantouse á pregunta.

-Traboulle unha abella.

Pareceulle que con aquela explicación era abondo e iniciou discretamente a retirada.

Xa de volta na escola e unha vez extraído o aguillón , Ana contou saloucando a súa frustrada aventura. Dona Dorucha rifoulle por non segui-los consellos de quen sabía máis ca ela e, sen darlle máis importancia ó asunto, volveu ó xardín.

Pero a nena seguiu a chorar sen consolo, co dedo envolto nun gran pano branco que se lle enchoupaba de bágoas e mocos. Á dor da picadela xuntábase agora o ver que a súa nai non se compadecía dela nin a aloumiñaba con palabras de alento e consolo, semellaba que nin sequera escoitaba a súa tristísima ladaíña.

As vacas xa se retiraban unhas detrás das outras guiadas pola Tula. Fermín era unha sombra que o sol da tardiña arrastraba polo campeiro da Graña, a carón da escola.

12 comentários:

SurOeste disse...

Isto escribino hai moito tempo (nótase ata na ortografía) se ningunha pretensión, xa me coñecedes.

edu disse...

grazas pola visita, suroeste. e se queres saber como poñer fotos, ligazóns ou blós preferidos, non tes máis que pedir axuda ;-)

no bló hai un par de enderezos-e de contacto.

saúdos e noraboa.

Anónimo disse...

O relato repitese sen cesar...

A asuncion definitiva da posmodernidade?

Unha merecida homenaxe a Nietzsche?

Polo demais é un pequeno fragmento para morder cun rexistro de lingua moi conseguido...

Bicos,

Sir...

SurOeste disse...

Non lle me vexo a posmodernidade nin asomando nas cascas dos mexilós. A ver, Gawain, reláxate: gústache o que vos conto?

Anónimo disse...

Suroeste, ¿non ve que Sir G. ironiza coa duplicidade do texto? Aí é onde lle atopa a posmodernidade, nesa azarosa circularidade, nese regresar á orixe, blablabla...

De tódolos xeitos, creo que agora entendo mellor certas partes de "Belle de jour" (puto xaponés, ¡era Fermín!). Buñuel facendo das súas.

E outra máis, ¿por que 'todas' as cadelas se chamaban Tula? Prego!

SurOeste disse...

Tío, por favor, vaia preguntas. Ti de onde es? De Marte? As cadelas chamábanse Tula, as vacas Paloma, as burras Cuca e os gatos Morito.

Anónimo disse...

Cher Southwestern Girl,

o da posmodernidade é, como ben acerta tio Pepe, cousa da duplicidade material do texto (valga la redundancia). Xa dixen que o texto me gustaba...

Bicos para as vacacions a todos, espero que collades moreno e desfrutade que logo hai que acelerar ata o Voto (non digo de onde é o Voto... non quero descubrir a microsubarea a que pertence suroeste)...

Inevitabilmente...

Sir...

SurOeste disse...

Querido Gawain:
Vouche facer caso e coller uns días para reparar as últimas feridas. Pero non penso ir ó voto, en tal caso a roerlle o cravo a S....

Agardádeme que volvo.

FraVernero disse...

Votos? Pero en qué cousas andades a meter á nosa nubosidade favorita?
E iso que estes días anda a soprar un suroeste do máis bravo...
Nunca choveu que non escampara, xa se di.
¿Non conservamos todos escondidos nalgún recuncho escenas bucólicas similares á narrada?
A xuventude, cando todo parece novo, e a natureza é un misterio a descubrir con novas respostas que xurden cada día... e tamén verdades agres, que pican como as abellas e escocen máis aínda polo que ven despois...

SurOeste disse...

No val das cerdeiras ventou norte todo o día. Prégase no confundir as miñas humidades atlánticas coas curiscadas doentes do norte.
Bicos do Suroeste.

eue disse...

Aha! Muita procesión pola túa microsubárea, Suroeste?... ;-)
Ando no rastro.
O texto, coma todos os que che lin, gústame moito. Coincido con Gawain na autenticidade da lingua con que está construído e engado que o ritmo me parece moi conseguido.
Crea un mini-suspense moi ben resolto.
Saúdos vacacionais

SurOeste disse...

Máis pistas para Eue:
unha noite linlles ós meus fillos o principio de Merlín e familia. Fíxolles moita gracia porque era coma se nos asomáramos á ventá. Tódolos nomes de lugar que ía evocando Felipe de Amancia témolos aquí arredor.

Pero non son de Viveiro nin de Ferrol.