Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, novembro 18, 2005

Memoria histórica

Un vai reconstruíndo a historia pouco a pouco. Ás veces son pequenos detalles os que lle dan a verdadeira dimensión ó cadro. Eu fun sabendo que algo terrible pasara entre breves frases rebeladoras e silencios apesadumbrados."¿Madriña, por que non lle dixeches adiós a ese home?" Porque matou ó meu irmá". Unha resposta así pode dar moito que pensar.
A ese irmá da miña avoa matárono ós poucos días do golpe de estado. Na vella sociedade tradicional era moi doado lembrar as datas: morreu o día das Neves, o 5 de agosto, fusilado por uns veciños. Levaban varios días buscando vítimas. "Escondédevos que andan matando moita xente" e escondéronse, el e o seu compañeiro de sempre na casa duns compadres na Capela. "Aquí tamén han cheghar, tedes que escapar ó monte". Pero non quixeron; eles non fixeran nada, non tiñan de que acusalos. Volveron de noite á casa do avó Antón para non comprometer a aquela xente. A familia estaba segando cando lles foron levar a mala nova. Esta parte da historia reconstruína eu moitos anos despois, unha tarde que estaba repartindo propaganda política cun compañeiro. "¿E ese que partido é?" preguntoume unha muller de pernas inchadas que me saiu á porta, non era dos que saían moito na televisión e non sabía, e xa, sen eu ter tempo de responderlle, deume esta imaxe terrible daquela tarde dun día de agosto do 36. A miña bisavoa bruando de dor, a súa voz escoitábase en toda a parroquia, correndo pola estrada abaixo, correndo ata onde foran mortos os dous rapaces, correndo para chamarlles asasinos a quen os matara, para impedirlles que os ataran a unha escada para pasealos mortos por diante da xente, para expoñelos coma animais e seguir humillándoos. Aínda ben que o cura non llelo permitiu.
Á miña bisavoa púxoselle o pelo completamente blanco nunhas semanas. Xa sempre vestiu de negro. Nas estreiteces da posguerra cando todo escaseaba e non podía conseguir tinte para tinguir as madeixas de la, foi á feira e mercou unha ovella negra. Seique non era exactamente negra, senón ruza, e as chaquetas que se facía da súa la eran insoportablemente tristes e cincentas, ata para aqueles anos.

3 comentários:

SurOeste disse...

Cando lin na prensa que había unha asociación que reivindicaba a memoria histórica e lle daba voz a miles de experiencias coma esta, emocioneime profundamente. Só cos anos un chega a darse conta da tremenda inxusticia que foi non só a guerra, a represión...senón por riba estar condenado a toda unha vida a soportar os criminais ó teu lado e calar.

SurOeste disse...

A realidade supera á ficción, querido amigo. E o de boa escritora...ímolo deixar. Confeso que me custou moitísimo escribir este pouquiño e que, como é evidente, non conseguín distanciarme o máis mínimo. A historia puido comigo.

Anónimo disse...

Son experta en deixar mensaxes onde ninguén vai máis pousar a vista, pero voullo dicir igual. A historia non puido con vostede. Púxose ao servicio dela e foi vostede tres mulleres nunha: a nena, a madriña e a bisavoa. Por eso conmove da maneira e pon bágoas nos ollos.