Número total de visualizações de páginas

terça-feira, novembro 13, 2012

A cabeza do meu corpo

Foto Xebe d´Afrei
 
A cuestión é estirarse ata onde poidas, ou ata onde che parece que poidas, sen rachar. Se non se fai de cote acaba un engurruñando, esquecendo que tiña posibilidades de acadar algo naquel sentido ou no outro. A min xa me ten pasado, e parece que unha forza te empuxa a rente do chan.
Eu tiña un corpo, agora seino; recoñezo os brazos, pernas, fío do lombo, artellos, músculos e tendóns... Véxome articulada e ben acabada, podo ocupar o espazo desprazándome e o movemento plenamente consciente dáme pracer.
Na miña cabeza o meu corpo móvese nunha praia deserta e sente o vento e a escuma do mar que o acarician sen frío. Na miña cabeza a cabeza do meu corpo pensa nos corpos engoumados das criaturas mariñas deixados na area e evita, ordenando un movemento de alancadas longas, que os seus pés os pisen. Na miña cabeza os pés do meu corpo xa case non fan máis que rozar a area e a escuma das ondas do mar e, xusto daquela, a cabeza do meu corpo pensa que aquela danza de alancadas longas é voar.

4 comentários:

homburg disse...

http://www.youtube.com/watch?v=-lWyKm6dqCk

SurOeste disse...

Non está mal: para que perder o tempo?

homburg disse...

Foi unha asociación de ideas automática, a túa descripción do teu voo e a obsesión do personaxe de ese film de Subiela. El buscaba mulleres que souperan voar e ti voando.
Pero quen non quere voar?
Hai mulleres que non voen?

SurOeste disse...

Iso depende do que teñan na cabeza.