Foto Xebe d´Afrei
Son unha maroma, o pedazo dunha maroma.
O mar espedazoume e cuspiume nesta praia, da que non podo moverme, enchoupada como estou, xa case asimilada á area. Ao meu carón outros corpos ofrecen os seus fermosos cadáveres: ofiuras, ameixas, algas de longa cabeleira, un mascato. Os paseantes evitan pisar todo aquilo onde aínda se adiviña un xeado latexo, todo o que promete un proceso de putrefacción. A min niguén teme pisarme, ninguén agarda un xemido de dor baixo os seus pés. Sempre fun tosca e rotunda, sen aquelas formas que engaiolan as almas, práctica, fermosa nunca. Algún neno intentou liberarme do abrazo da area para ofrecerme ao seu can. O can tamén tirou e esgadañoume un pouco máis cos dentes pero non foi quen de arrincarme.
Ignoraba como apretan as sepulturas.
Sem comentários:
Enviar um comentário