Número total de visualizações de páginas

terça-feira, setembro 25, 2012

Mundos de palabras

De pequeno, o meu irmán adoitaba dicir cousas como:
–Cando eu era home tiña unha bicicleta.
Eu, que era un ano máis vella e, polo tanto, dominaba algo mellor a linguaxe e as súas propiedades, ríame del asegurándolle que iso non podía ser: o "era" pronunciado por un neno referíndose a si mesmo non podía ser igual a "home", nin el, diso estaba ben segura, tivera nunca máis bicicleta ca o meu –meu, por certo– triciclo. El rabeaba que si e eu turraba que non e así ata acabar nunha das nosas liortas.
Pero de alí a uns días, con toda naturalidade volvía co de "cando eu era home..." tal ou cal, tanto era o da bicicleta como o de que fora á lúa, aínda que case sempre lle daba pola teima da bicicleta. Incapaz de facerlle comprender a incoherencia esencial do seu relato, dei en pensar, mirando aqueles ollazos de cachorro perseverante, os beizos pregados en xesto decidido e a pesar das súas pernas fracas e da facilidade para o choro, se non podería estar indo el no seu transcurso vital en dirección contraria a todos os demais, de xeito que o que para nós había de ser para el xa fora, e viceversa.
Esta posibilidade deume moito que facer ata que chegou a un certo grao de perfección: meu irmán de home feito e dereito fora claudicando en neno débil e choromicas. En consonancia con este extraordinario feito, este neno conservaba a conciencia da súa pasada forza e poderío, como demostraban as aventuras que contaba e a familiaridade que parecía ter no manexo da tecnoloxía. Aceptar a reversibilidade da vida do meu irmán reveloumo como un ser digno de admiración. Facíalle mil preguntas que me axudasen a entender a súa experiencia, pero nunca se molestaba por pintar de cores as miñas incompletas imaxes mentais. Repetía as catro ideas xa sabidas e alí quedaba eu co meu saqueto de interrogantes.
Despois de todo era un neno que aínda non tiña todas as palabras que eu tiña para xogar a crear un mundo... de verdade.

Sem comentários: