Número total de visualizações de página

quarta-feira, setembro 19, 2012

Un paseo con can

                                                                                            Foto SW

Os meus queridos e queridas lectoras deben pensar que estou nun estado catatónico: deixo pasar longos meses sen escribir para finalmente non dicir gran cousa. Ah, que difícil é a poética de dicir cousas sen dicir de máis! Que complicado é pillar unha mosca!

O caso é que hoxe, paseando o can, parei un momento debaixo dun pexegueiro que pingaba os últimos froitos madurísimos. Era tocarlles coa punta dos dedos e caeren rendidos nas miñas mans, doces, auguentos, con todo o sol da tardiña. Coma os post antes da crise sistémica, mesmamente.

Xa non é o mesmo. Agora vexo o caderno dixital de blogger e teño ganas de berrar, de botar broncas, de desprestixiar finamente, acariciando cos meus coitelos de ironía emponzoñada. Teño ganas pero non o fago. Chove pero non me enzoufo na lama, mentres poida evitalo.

Está decidido. Vou pedir unha hipoteca para comprar unha torre de marfil. Unha auténtica torre de marfil onde me poida retirar e escribir sobre as cousas interesantes, lindas ou feas, ásperas ou suaves, cheirosas ou cheirentas que sempre desexei, allea a toda a cotra que se nos está apegañando aos miolos. E daquela si que empezaremos, o can e mais eu, a pillar moscas.

3 comentários:

Anónimo disse...

Curiosa foto da bandaàponte! ;-) Um abraço J..nin!

Rub. disse...

Dígame a canto lle sae o euríbor, que a min queren meterme unha clavada.

SurOeste disse...

Ah, logo recoñece o suposto lugar onde M. Mera rachou os calzós. Agora en serio: bandáponte, o que se di bandáponte é o lugar da foto con respecto a ese desde o que me manda o abraço. Todo cuestión de perspectiva!

Sr. Rb. a min, se non entendín mal, aplícanme o eríbor de luxo, por tratarse de torre de marfil. Así andan as cousas no reino.