Número total de visualizações de página

sábado, junho 16, 2012

Historias anónimas



Cando a criatura naceu só lle pasaron un pano pola cabeciña antes de darlla á nai, de maneira que esta sentiuse impresionada por aquel pedaciño de carne que ulía ás súas propias entrañas. Acababan de recoñecerse e empezar así unha historia mamífera máis, como tantas outras. A nai tivera coidado de estar moi atenta a todo o que pasaba no paritorio, vixiante: pinchazo no talón, pegada dixital, test deste e do outro e a criatura foi pasando a alfándega cara o mundo extrauterino sen maiores dificultades.
Non chorou en ningún momento e mesmo se preguntou como soaría a súa voz. De momento só tiñan o inconfundible olor estreitándoas intimamente, e aínda o terían horas e horas de pacífico cansanzo nun mol abandono por parte do persoal sanitario.
A mañá seguinte estableceu novas rotinas de civilización: o baño, a auga de colonia, a roupa e un estrafalario lazo de gasa que unha enfermeira de bo humor lle fixo arredor da cabeciña.
Foi así. Ao segundo día empezou o inexorable proceso que convertiría a tenra criatura mamífera en muller.

1 comentário:

Anónimo disse...

Ten moi abandonado o blog. Unha mágoa.