Número total de visualizações de páginas

segunda-feira, maio 28, 2012

Na tumba de Sir John Moore


O outro día, aproveitando unha visita á Coruña por outros motivos, visitamos cun nutrido gupo de alumnos de 2º de ESO lugares emblemáticos da cidade vella: o xardín de San Carlos, a Casa Cornide e a sé da Real Academia Galega. Sitios escollidos e pouco habituais desoutra Coruña de alto valor simbólico que, lamentabelmente, adoita quedar fóra das rotas escolares.

Durante o curso traballaramos para que Rosalía fose unha vella e entrañábel tía a través do colorido e do ritmo dos Cantares gallegos. Despois de moita determinación, paciencia e paixón conseguimos que as caras se iluminen cando facemos referencia a este ou aquel poema e mesmo que non dubiden moito á hora de sinalar o seu poema preferido. O ensino para adolescentes é duro pero tamén moi gratificante ás veces.

No xardín de San Carlos xunteinos arredor da tumba de Sir John Moore, facendo un semicírculo. Así dispostos lembramos quen foi o personaxe alí sepultado e comentamos o feito de ser obxecto de homenaxe nun famoso poema inglés e noutro –¡Ouh Moore!– tamén merecidamente célebre, escrito por Rosalía de Castro en 1871 e incluído en Follas novas. Non é o único espectro que vive nos poemas de Rosalía, pero este, por pertencer ao imperio británico e morrer nesta estranxeira praia defendendo... a retirada das súas tropas, ten un estatuto especial.

Nestas estabamos cando, despois de solicitar e obter atención do inquieto grupo de corenta rapaces e rapazas, comecei a ler o poema en versión íntegra. Conseguiríao se o persoal de xardinería non estimase imprescindíbel poñerse a regar nese mesmo momento os buxos e as flores que rodean o monumento a un e a outro lado.

–"Quedade onde estades e atendede. Se non nos movemos non nos mollarán!"–dixen eu desafiante.

E non se moveron e, na súa maior parte, seguiron a lectura dos cento vinte e nove versos que derramamos sobre a "seca pedra do mausoleo frío" do "pobre John".
Supoño que, se fosemos señores traxeados ou turistas ingleses de pantalón curto e sandalias con calcetíns, os xardineiros que regan pola mañá o recuncho florido de Moore terían un pouco máis de paciencia e mostrarían a súa consideración paseando a mangueira por outras partes do xardín, ou pechando antes a billa, porque chover ía acabar chovendo. 

Sem comentários: