Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, maio 24, 2012

Dueña Cotofina



Dueña Cotofina é un máis que castizo cruce de marquesa e chulapa coa lingua desferrada. Este curioso coktail que xa de seu prometía (ministra de cultura devota da famosa escritora Sara-Mago, portadora do pendón máis lucido de todas as procesións contrarreformistas das parroquias de barrio pijo) vai camiño de converterse nunha personaxe de comic (virxe santísima que cos seus poderes evita que o helicóptero no que monta acabe, cos políticos que van nel, feito paparrucha nunha praza de touros ou heroína que foxe a fume de carozo e só co estritamente necesario –ela mesma– dun hotel en pleno ataque terrrorista). Dueña Cotofina ten moi claro que o espectáculo debe continuar, custe o que custe, e a crise existencial que vivimos é o momento ideal.

Se cadra, poderiamos botarlle en cara, por momentos, unha certa sobreactuación. A rolda de prensa en que aparecía despeiteada, cun calcetín over size medio-subido e outro debanado pola perna abaixo ao encontro das sandalias de tacón, excedía a dose de dramatismo soportábel. Porén, tamén nos regala con eses momentos case íntimos nos que nos mostra as tribulacións da muller de poder cos que todas nos podemos sentir identificadas.  Daquela a determinación agresiva convértese nunha franca confidencia para a que sabe modular a autoridade que irradia e baixar a voz para contestar, como quen se fai a tontita, por carreiros retortos: "Uy, el déficit de la comunidá, si, lo que pasó es que no sé quien se confundió y tomó como definitivos datos que nosotros presentamos como provisionales, y creo que lo enviaron a no sé donde y de aí el error, porque contábamos con recaudar más y recaudamos menos".

Comprendémoste perfectamente, Dueña: non é doado para unha muller de acción explicárlle-las contas a uns... bueno, xa se sabe que os que nunca tiveron un peso non entenden nadiña de cartos.

Sem comentários: