Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, agosto 03, 2012

Canto fúnebre pola educación pública

Todos as miñas lembranzas, mesmo as máis remotas están ligadas á escola. Non unha determinada escola, senón todas as escolas ás que seguín á miña nai polas aldeas miserábeis de Galicia nos 60 e 70. Non sei se seredes quen de facervos unha idea da pequena SurOeste arrolada ao pé dunha lareira por algún neno da casa que nos acollía mentres a mamá daba clase de alfabetización nocturna. O caso é que sempre, desde que nacín, estiven escolarizada, nun programa de preescolar un pouco raro, iso si. Non me acordo de cando aprendín a ler, pero si de cando non sabía e adoecía por saber. Logo aprendín a estar quieta e facer as tarefas, sempre en grupo (vantaxes da escola unitaria) a propiedade asociativa e a conmutativa, os tipos de nubes... A nosa escola non tiña WC, era fría e chovía dentro. Un ano, un temporal de outono levantou perigosamente as uralitas do tellado. A miña nai negouse a "poñer escola" naquelas condicións de perigo e armou un lío tremendo no que foi ameazada polas autoridades educativas e o alcaldillo franquista, que lle chamaba "revolucionaria". Ao final salvouna o decidido apoio da maioría dos pais, que entendían perfectamente ser mellor ter os nenos na casa que arriscarse a un accidente grave. Deste episodio saco como conclusión que ás veces hai que facer o correcto custe o que custe. O medo é unha arma que serve para manter no poder a xente incapaz e sen escrúpulos.
Hoxe leo que en Cataluña quérenlles cobrar 3 euros diarios aos nenos que leven a comida na fiambreira (deberán pagar a neveira, o microondas e a limpeza). É lamentábel negar un servizo básico e aínda así non renunciar a facer negocio. Leo que en todo o estado, pero principalmente en Galicia, Madrid e La Mancha, redúcense de maneira moi significativa os profesores no ensino público. Leo moitas cousas deprimentes mentres analizo a miña propia situación: profesora suprimida desde 2010, actualmente sen praza provisional para o próximo curso. Cal é a mensaxe se non hai praza para min, funcionaria desde o ano 1988, nin sequera interinizándome?
Debemos ter medo?

Sem comentários: