Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, março 22, 2012

No fondo do baúl

Na última "limpeza" na casa dos meus pais topámonos cun baúl acugulado de libros, apuntes, revistas... e todo canto foi preservado doutros ritos de purificación e limpeza familiar. O baúl das navegacións do meu bisavó que viñera tamén comigo a Santiago gardando catro libros esenciais e un mundo de espazo para encher con cousas novas. A miña nai instoume a que seleccionase as miñas cousas naquel tesouro e fun con mentalidade práctica. Que atoparia alí despois de tantos anos?

O meu marido rescatou con pasmosa facilidade uns negativos do ano 65 que nunca foran revelados; foi o primeiro achado de importancia. A cousa prometía. Arremangueime e empecei a remexer na barriga disposta a tomar decisións rápidas.

Non me tentaron as cartas de amor resesas e convertinas en confetti. Rinme un pouco coas libretas da miña adolescencia, pero a cantidade de po acumulada non axudaba a amolecerme o corazón. Dubidei máis nunha tradución a catro mans –tamén as túas, querida Hipólita– de Pic-nic en campagne de Arrabal ao galego, o gran proxecto do último ano de instituto, ao final onde a metín? Fun despiadada cos libros de texto e algúns libracos que non deixaron nin a máis mínima marca en min. Aló foi, tamén un meritorio comentario sobre Así falou Zaratrusta, sic transit gloria mundi. En total enchín un saco baleiro dos do penso das galiñas case sen pestanexar.

A xoia do tesouro agochábase nun prego do forro: unha foto ovalada da miña avoa, pequeniña, do tamaño xusto para que o teu mozo que está na guerra a leve no peito. Ninguén lembraba tela visto antes. Volvía ela, de vinte e tantos anos, para regalarnos un fermoso sorriso. Aquí si que me venceu a saudade.

4 comentários:

Homburg disse...

Sempre acabamos batendo con algún 'baúl' no que se esconde unha pequena foto da 'avoa' que nos sacude forte nalgún burato negro das entrañas. Si, saudade, tacto de sombras, memoria de afectos amputados. Cando pasan esas cousas hai sempre unha contraditoria desazón, por un lado sentimos unha indescriptible felicidade ó reencontrarnos cos vellos sentimentos, e, por outro lado, maldición!, volvemos a notar a dor insoportable que provoca esa ausencia.
Máis que un comentario saiume un ensaio metafísico, pero ti xa sabes que cada louco temos o noso tema.
Un bico.
p.d.: non metas no saco do penso as revistas (nin as vellas, nin as novas), xa sabes por que.

SurOeste disse...

Asústasme, Homburg, metín un feixe de El Vibora dos 80 no saco de penso (sen pensar) e a cousa xa non ten remedio.

Que vai pasar agora?

paideleo disse...

I eu que son incapaz de tirar nada que veña nun papel !.

SurOeste disse...

Chámase "síndrome do Dióxenes letrado".