Número total de visualizações de página

domingo, maio 29, 2011

Carme, Carme Chacón


Así é como me gusta verte, Carme, unha nova Marianne dirixindo as tropas por terra, mar e aire, poñéndote diante deles co teu corpo proa, símbolo da socialdemocracia liberal dun país de carcundias. Quero esquecer a túa voz tremente do venres, as olleiras e a mirada perdida de onte e quixera tamén non ter oído nunca do teu mentor o seboso eloxio que celebraba o teu sacrificio polo ben del, do partido e, en definitiva, do Estado.

Teño hoxe a penosa certeza de que fuches, fomos enganadas, unha vez máis, Carme. Parecía que nos ían deixar entrar no seu xogo e aprendimos as regras, preparándonos para servir á causa; vestímonos ben e fomos ao salón de peiteado; entregámonos ilusionadas sen condicións, pero só faciamos falta para adornar a foto. A ambición, a independencia de criterio é duramente castigada nunha muller; a submisión e o sacrificio cotizan á alza. Onte a túa faciana sobrecolleunos, mater dolorosa. Deus pai diche que te fagas a un lado e non molestes moito agora que xa fixeron a icona.

Eu tamén teño gana de chorar de rabia.

10 comentários:

Manuel disse...

É un xeito de velo. Outro diferente é que ante a hostia que se vai dar o PSOE nas próximas xerais e o abrase que vai carbonizar a Rubarcaba, o partido teña en Chacón a alguén idóneo para comezar, non sei se desde cero pero desde logo cunha proposta diferente e unha renovación creíble. Claro que ao mellor se presentaba para o ano e gañaba as eleccións. Nunca se sabe.

Ana Bande disse...

Tanta estratexia é máis do mesmo, política farragosa e alonxada do cidadán que como dicía o Roto, xa non vota senón que "ficha", en canto a Carme, pois que queres que che diga, que tería que recoller e marchar, pero iso sería ter personalidade e non casa coa alta política, así que...por outra banda, hai quen asegura que este país non está preparado para ter unha muller de presidente e pode que sexa certo, pero este ritual sacrificial a min, pola parte que me toca (eu votei pesoe nalgunha ocasión) fédeme a incienso e xa sabes querida nube o dano que me fai a min a droga se non é directamente en vea.

SurOeste disse...

Manuel, queres dicir que o sacrificado é, en realidade, Rubalcaba e Chacón é a carta agachada na manga do gran mago? Pois aínda peor mo pos, porque coa cara dela destes días é evidente que fan estratexia florentina ás súas costas.
Explícome?

E nós, Ana, que facemos?, mirar coa boca aberta e supoñer que algo hai que se nos escapa porque ser son, sen lugar a dúbidas, moi listos?
Esnifemos incienso, que é o que nos queda, a ver se nos apapahostia un pouco e pensamos menos.

Anónimo disse...

Por favorrrr, por enésima vez o discurso victimista de sempre, nooon.

SurOeste disse...

Coitados anónimos! Non fago outra cousa que anoxalos e repugnalos con simplicidades e, aínda así, dan mostra dalgún tipo non sei se de heroicidade se de masoquismo e seguen vindo, comentando e facendo sentir o aburrido e pobre do meu discurso coa súa documentada,complexa e rica de matices argumentación.
Canto sinto non estar á altura! Se polo menos puidesen probar os meus callos poida que pensasen algo mellor de min, pero non vai ser posíbel. Mágoa.

Salceda disse...

Perdón, non sei se serei benvido xa que son anónimo e non me coñecen. Mais quixera opinar algo, se podo.

Creo que quen entra dentro do xogo competitivo masculino e patriarcal, aceptando as súas regras, non pode despois queixarse de marxinación, porque iso é tentar xogar vantaxistamente.

Tamén penso que, postos a solidarizarse, este "feminismo de clase media" é certamente elitista e insolidario coas mulleres das clases populares: a min gustariame ver algunha vez, neste ou noutro blog semellante, a solidariedade coas caixeiras de supermercado, administrativas en precario ou licenciadas en paro. Algo que brila pola súa ausencia.

Moitas grazas e disimulen a intromisión.

SurOeste disse...

Conclusión á que vostede chega gratis, a non ser que lese a miña obra completa. Se é así agradeceríalle que citase casos completos nos meus poost da meu suposto pecado de "egoísmo clasista".

De todos xeitos a estas alturas para min todos os anónimos que rondan este blog téñenme un aire vagamente coñecido, que podería argumentar facilmente.

Saúdos e anímese coa análise de textos que lle propoño.

Salceda disse...

Que mal acepta unha crítica, non se debería poñer así, que queda en evidencia. Non lin, nin penso facelo, todas as ocurrencias que ten escrito en todos estes anos. Algunha vez teño lido algunhas, pero non todas, xa que teño outras cousas que facer.
A proba do "feminismo de clase media" (e non de "egoísmo clasista", expresión que eu nunca utilicei: non debería imputar expresións aos demais) é xustamente este post sobre Chacón, no que na súa solidariedade chegou até chorar de rabia (que forma de dramatizar!).
Debe ter vostede un complexo de culpa procedente dunha educación xudeo-crístiá cando fala de "culpa", outra palabra que eu nin usei. Non, señora, malentende se cre que a culpan de algo, simplemente se fixo unha constatación do tipo de feminismo que está tras desta entrada solidaria con Chacón.
De todos os xeitos, se ten algún post seu anterior no que se solidarice coas mulleres das clases populares por unha situación de marxinación, non ten máis que indicalo. Eu rectificaría e pediría desculpas. Algo que, a teor das súas desabridas contestacións, vostede non está afeita a facer.
Moi boas tardes.

SurOeste disse...

Eu non teño máis que dicir que o seu comentario paréceme simple e sobado: cando as mulleres falamos de poder debe ser "feminismo de clase media", burgués e egoísta, fronte a "feminismo de clases populares", caritativo e solidario. De que me está falando? En que mundo vive? Non é a primeira vez que me soltan estas simplicidades como para facerme ver o mala que son e o cega que estou de ambición e vaidade. Pero eu sei o que quero dicir e sei que non estou a dicir ningunha tontería: a igualdade no ámbito público é aínda un capítulo sen resolver e sobre iso quixen reflexionar a raíz do liderato do PSOE.
Paso por alto todas as "pallas mentais" que fai a continuación do complexo de culpa etc. porque francamente son bastante lamentábeis e mostran máis claramente do que vostede desexaría as súas intencións. Se tivese un pouco de calma seguramente nunca as tería publicado, pero parece que por algunha razón eu e os meus post feministas altérano, aborréceno e, aínda así, vén unha e outra vez, centos de veces cos máis absurdos disfraces de anónimo.
Dígame, ten algún interese especial para visitar este blog e tomarse a molestia de poñer comentarios? Coñéceme vostede? Ferín a súa sensibilidade? Non o admiro o suficiente?

paideleo disse...

O outro día dei en almorzar nun bar que non volverei visitar. O camareiro e un siareiro facían comentarios porcos sobre Carme Chacón de mui mal gusto.
Sentinme mal por ser home.