Número total de visualizações de páginas

sábado, outubro 23, 2010

Vergonza me había dar


Vergonza me había dar tender a roupa á vista da xente, neste balcón hiperreal, coma nos barrios pobres de antes dos patios interiores, exposta a propia miseria a todas as miradas e censuras do mundo.

Vergonza me había dar e non ma dá. Xa non ma dá porque penso que podo facer literatura do trapo de limpar cristais, ocasionalmente trapo de secar culleres, antes manga de camisa de diario, despois de descender do sancta sanctorum das prendas con dereito a percha no armario.

Vergonza me había dar, malia omitir as bragas. Por favor, non sei facer literatura con elas.

Iso é, estou segura, porque non me poño en serio.

5 comentários:

Sabela disse...

Non debe dar, non, que mesmo dos botóns se enfían textos (e das bragas tamén, pero antes de estiraren). Precioso :)

Dilaida disse...

Calquera cousa é boa para facer boa literatura, como fas ti.
Seguro que se o intentas tamén che vai saír algo fermoso coas bragas, pensa que o trapo de limpar cristais no é máis fino ca elas.
Bicos

Chousa da Alcandra disse...

Anímoa a tentalo convencido tamén de que, se o tenta, o logrará. Outra cousa é o xénero literario; pero literatura...seguro!. Probe

Sigrid disse...

Como din as outras comentaristas, vostede pode facer literatura do que lle pete, porque sempre vaino facer ben (agora, momento emotivo e música de violíns). A min os cordeis de roupa encántanme. Especialmente as camisetas de propaganda e cousas asi. Tamén as voltas e reviravoltas que fai a xente para aproveitar o sitio nos tendais. Son entretenidas.Por non falar dese estrano planeta que eu non coñezo pero no que viven en amor e compañía tódolos calcetíns "Ejecutivo" do mundo desparexados, felices e contentos.

Anónimo disse...

Non se poden pescar troitas coas bragas enxoitas. Ou sexa, móllese.