Número total de visualizações de páginas

sábado, junho 05, 2010

Volaverunt

Non sei en que momento ocorreu, se o facía xa no antro materno ou se desenvolvín a capacidade cando era abandonada no berce. Se cadra foi moito despois, pero antes de ir ao catecismo a aprender de memoria o do pecado orixinal. A verdade é que non teño claro se fun consciente antes ou despois da pubertade e se as sucesivas gravideces supuxeron unha merma ou un aumento no meu don. O que vos podo asegurar é que sei voar.

Poida que o que digo vos parecerá extraordinario, porque seguramente non coñezades a ninguén que confese abertamente que voa cando lle peta voar. Ninguén vai falando por aí de cousas que poidan parecer raras aos demais; xeran desconfianza e poden traer problemas.

Dicir que voar para unha humana é marabilloso é unha obviedade, pero permitídeme que intente describir a sensación de lixeireza en todo o corpo que fai que se este se eleve sen dificultade grazas á concentración mental. Si, todo depende diso: o corpo intimamente ligado á mente. Voar non é como poñer un motor en marcha e esquecer que está aceso, polo contrario, cómpre estar nun estado de plenitude absoluta para logralo. De perdelo, córrese o risco de levar unha boa zoupada e non aconsello a ninguén que faga experimentos. De feito, non é a primeira vez que perdo altura perigosamente cando esquezo por que me podo manter arriba. Tamén o fago a propósito, ás veces: déixome caer en picado para logo recuperar nun xeneroso bucle. Así vou aprendendo trucos.

Ás veces fágoo para evitar situacións incómodas, outras para chegar antes aos sitios, por pura impaciencia, pero o verdadeiramente relaxante é voar moi alto nos días que está nordés e buscar o punto de equilibrio exacto para manterse pendurando sen moverse, coma os buxatos. É cando mellor penso, sen dúbida ningunha. Algún post ténseme ocorrido así.

6 comentários:

homburg disse...

Sempre o pensei, sempre crin que Suroeste voaba. Unha das razóns de que eu mire tanto para o ceo é esa, poder ver en calquera instante pasar voando a Suroeste e, quen sabe, ter a sorte de que pouse cerca, incluso no ombro, coma aqueles loros dos piratas. Eso si, espero que non nos engane e o que ela chama voar non veña sendo levitar, que é cousa diversa, algo ben máis prosaico, algo que expresou perfectamente Bernini ó describirnos como o facía Santa Teresa (non hai máis que mirarlle para a cara).

cirurxíamaxilofacial disse...

Cara Suroeste,

Que che voa o papaventos ("que te vuela la cometa", para entenermonos)xa o sabiamos dende fai tempo.

SurOeste disse...

Moitas grazas aos dous: as que vós tedes.

Chousa da Alcandra disse...

Debemos ser poucos aínda, que non é necesaria a concurrencia de controladores aéreos...E menos mal!

Anónimo disse...

Voar, iso é. Necesitamos xente que voe, necesitamos xente que soñe.

Parabéns.

SurOeste disse...

Hoxe case dou de fuciños cunha amiga que tamén viña voando en dirección conntraria. Ningunha das dúas sabía do da outra. Hai unha diferencia: ela bótase ao baleiro desde unha altura, cousa que a min sempre me pareceu perigosísima e a ela seique lle dá confianza. como vedes a cousa non é A+B=C, por iso digo que non fagades experimentos.

Cando notedes o formigho no corpo e os pés desapegándose do chan, non teñades medo: inspirade fondo e veña para arriba!