Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, fevereiro 04, 2009

Tirar pedras sen pasamontañas


Algo está pasando no mundo para que nun par de meses dous zapatos zarparan voando en dirección á cabeza de dous importantísimos líderes. Poderiamos interpretalo como unha anécdota curiosa ou unha broma pesada que se vai estendendo polo mimetismo hipnotizante que provocan nas masas os medios de comunicación. Pero non, hai algo máis, ten que haber algo máis.
De momento póñenseme os pelos de punta ao pensar na escena seguinte: que non saia ninguén de aquí! Pechen todas as portas! A quen lle falta un zapato? Conque tirando zapatiños, ehhh?
A continuación, a constatación de que o poder tamén ten os seus puntos fracos e entre as dúas ducias de gardacostas que sempre rodean aos magnates sempre se pode coar un proxectil ferinte ou letal, e de que por moito chumbo con que forren os seus automóbiles seguen a ser vulnerábeis: un apetitoso pombo no punto de mira de moitos cazadores.
Mais a cuestión clave é que hai moitos dispostos a desafiar o poder omnímodo que estes personaxes representan, e non tirando unha bomba e escondendo a man, senón a cara descuberta lanzando un zapato á vista de todos para humillalo.
Os profesores levaban moito tempo queixándose do descrédito da autoridade e ninguén lles facía caso porque seique tiñan moitas vacacións.

2 comentários:

Gabriel Pérez disse...

Pero os arreboladores zapatís teñen que practicar a súa puntería. Deberían usar algúns que tivesen un pouco de peso para que non veña unha ventada fortuíta e os desvíe da súa traxectoria. D'aquí pra diante propoño o uso da zoca. Ao mellor hai un nicho de mercado por explotar. Por iso da crise... : )))

SurOeste disse...

Practicaremos na Wii o tiro de zoca, tes razón.