Número total de visualizações de página

segunda-feira, julho 28, 2008

Tanta auga



Estaba eu hai un momento na fonte lavando unhas prendas delicadas e, de paso, xogando co chorro fresco, coma unha nena. A fonte é un lugar máxico, sempre o foi, pero cando estaba máis arriba, na nacida mesma, tiña que selo dobremente: polo seu discreto retiro, pola estreitura que lle deixan os ribadóns dun lado e outro, polos felgos gloriosos que medran alí. Logo a auga foi canalizada ata preto da estrada, construiuse o lavadoiro, que nós chamamos río-de-lavar e decorouse o conxunto cun ridículo frontispicio fascista con xugo e frechas e unha data: 1958. Ata hoxe. Non quero miralo, pero véxoo igual. Intenteino cunha moción á corporación municipal. Ao tempo era unha petición extravagante, non se popularizaran os argumentos que desembocaron na aprobación da Lei da Memoria histórica, e era difícil facer pedagoxía desde a concienciación cero. O goberno socialista, e estivo 20 anos no poder municipal, daquela amosou a sensibilidade propia dunha ameba. Paciencia. Máis paciencia. O frontispicio ignominioso segue impertérrito. Agora hai un goberno do PP, tera máis ou menos sensibilidade cás amebas?
Pois estaba eu no mellor do lavado, xa saíran todas as manchas e entretíñame aclarando prenda a prenda en mil augas, cando chegou un vello a encher unha garrafas.
-Agora xa bota ben auga; amañárona ben.
-Pseeee! bota ben porque hai moita auga. Ten auga para botar e para perder. Non ve como segue perdendo deste lado?
-Pois tes razón.
-Teño. Non saben de onde vén toda a auga que nace aquí. Non queren nin sabelo, sempre remendos para ir tirando.
Quedou calado e xa tiña cheas as garrafas.
Hai tanta auga, sen contar a que se perde!

3 comentários:

Manuel L. Rodrigues disse...

...a verdade é que con ese garabato enriba a fonte afea bastante...

(e deixémonos de pelos, que para pelos estou eu)

Un saúdo!!

SurOeste disse...

Ahhhh, manuel ti tamén estableces unha relación espiritual cos teus clientes?
Conta que sentes cando che vai unha moza guapa cunha esplendorosa melena e che di: ao cero!

Manuel L. Rodrigues disse...

...uffff non o sabes ti ben.

Mais que espiritual: espiritosa.

Unha forte aperta!!