Unha vez ao mes vou á perruquería a devolverlle á miña cabeleira o esplendor de antano.
-A mesma cor?
-Si, claro.
E nunha cunquiña mistúrase X con Y ata conseguir unha pasta homoxénea que logo será distribuída en regos por todo o coiro cabeludo.
Eu procuro abstraerme de todo o proceso mergullándome nas disparatadas revistas do corazón. Así pasan os minutos lentamente... as conversas son discretas, de perruqueira a clienta, sen involucrar ao resto do salón. Moitas veces o único que se escoita é o fungar dos secadores.
Cando me erguín do meu asento para, por fin!, pasar á sección de lavado fixeime nunha das clientas que acababan de peitear. Unha señora preto dos 70, coidadosamente vestida dentro da sinxeleza, co habitual cabelo loiro e curto peiteado con volume madeixa a madeixa. A perruqueira dáballe os últimos retoques, recortándolle as cellas e dándolles forma coas pinzas de depilar. Ao rematar, a señora puxo as gafas, sorriunos a todos mentres se levantaba, mirou o peiteado por detrás con outro espello e estirou o brazo cara á perruqueira. Esta entendeu perfectamente, deulle a man e bicouna con agarimo na meixela.
-Guapísima!
Pensei nesa relación íntima que por breves instantes se establece durante o rito de cortar e peitear os cabelos. A min, que durante anos cortei o pelo do meu avó, desde que xa non se sentía con forzas para ir á vila ata que a enfermidade xa non lle permitía apenas deixar a cama e mesmo así..., sempre me lembraba que tamén el asumira un vencello semellante co seu sogro, que aínda que tiña dous fillos ningún deles fora considerado polo vello digno de tan delicado e pracenteiro mester.
Non había vez que non me dera as grazas, mentres lle sacudía a penuxe que fora caendo nos ombreiros.
Daquela eu dicíalle:
-Quedaches aliviado?
-Quedei, muller!
8 comentários:
Algún día destes tereime que facer unha mechitas... Non sei, non sei
Segguro que realzarían o teu atractivo salvaxemente natural/naturalmente salvaxe.
Sou eu que corto o cabelo da minha mãe. Ela não confia em mais ninguém. Não percebo nada de cabelos, limito-em a usar a tesoura.
...se todos vos soubesedes...
Señor Manuel, que é o que temos que saber? non nos deixe así, que logo non durmimos.
Isabela, nunca lle cortaches os cabelos a un rapaz que che gustase?
Oh! É marabilloso!
Dalila! :)
Enviar um comentário