-Que fas aquí? Non estabas morto?
-Estou morto. Vinte ver.
-Isto é o máximo! Ben sabes que eu nunca crin nestas trangalladas, son materialista e atea.
-É o fatum étnico, pensabas que te ías librar?
-E inda por riba hoxe, esta noite. Parece de folleto turístico, de relato de literatura galega traducíbel para o castelán.
-É o que hai.
-Nin a miña avoa cría na Santa Compaña. Un día tropezou con ela no carreiro e foi correndo á casa a buscar un candil para ver ben como era.
-E como era?
-Era un borracho. Tropezara nun borracho, non na Santa Compaña.
-Eran os tempos en que a pantasma do comunismo asolaba Europa. Fixo moito mal ás tradicións. Os mortos aborrecemos a luz e os taquígrafos.
-Coma todos os mentireiros.
-A túa avoa falaba co defunto do teu avó. Sabíalo?
-Algunha vez téñoa cachado.
-Pois logo? Non vas poder ti falar comigo. Aínda has querer meter o dedo na chaga.
-Non, por favor.
-Tócame, veña.
-Tócote.
-Quita a roupa, muller, faime tanta falta a calor...
-Abrázote.
-Sentes o sangue bulir debaixo da pel?
-Sinto a calidez do desexo.
-Non esquezas que estou morto.
-E daquela?
-É a túa calor e o teu desexo. Vin buscar un pouco, sempre che adiviñei ese lume.
-Sempre fomos coma irmáns.
-Case sempre.
-Lembras cando durmimos xuntos?
-Tristán e Isolda co espadón de por medio. Só pensalo dáme a risa e os mortos non podemos rir, non temos calor dabondo.
-Nin co meu?
-Non chega. Xa estou notando a falta outra vez, vou desaparecer. Adeus.
-Agarda, cando volves?
-Nunca se sabe, o tempo dos vivos non rexe para os mortos. Ti sígueme tendo presente.
4 comentários:
Un círculo perfecto entre nós e eles.......
parabens.
Un tango (ou -eso xa non sabería dicilo- unha milonga.
http://www.todo-argentina.net/biografias/Personajes/armando_discepolo.htm
Non son só os Mortos os que teñen friaxe, claro... Este, por Galego e non Homérico non che pediu sangue verquida na terra, cousa que se agradece...
Sempre voltamos como sombras ou espectros innominados ao Deserto do Desexo, onde xa queimamos e nos reducimos a cinsa, extinguíndose cada vela e chama de paixón...
O soño de que perdure nas memorias de ultratumba...
Está muito bom.
Enviar um comentário