Número total de visualizações de páginas

domingo, setembro 16, 2007

Memoria da fame


Estoutro día fun á presentación do último libro do estudoso eumés Xosé Paz Fernández, Xebras do Eume. Neste, coma nos dous anteriores, se ben con menor ambición, recóllese a memoria musical de Pontedeume através da prensa local, fotografías, partituras, letras recuperadas... Foi moi emocionante ver ao nutrido auditorio facerse un e cantar as melodías de sempre, as que os identifican sen lugar a dúbidas como parte dun colectivo.
De entre elas escollín unha que nos lembra con incríbel contundencia a fame que se pasou na posguerra. Ten a forza machacona dun himno, pero, en vez de armas e loita fera ofrece como alternativa o humor negro dunha cantiga burlesca. É o anti No-Do.
Paréceme que é raro que se conserve esta cantiga porque da fame todo o mundo arrenega e a ninguén lle gusta lembrarse dela. Á miña avoa paterna non lle parecía nada ben que o meu pai mentara a fame e a pobreza daqueles anos e nunca se mostrou disposta a recoñecer que, efectivamente, ela e a súa familia, coma a maioría, pasaran fame e frío e necesidades na longa posguerra.

2 comentários:

Anónimo disse...

Ahora habeía qiue compoñer unha que dixera ¡Mais memoria, mais memoria! Saludos. Suso Lista

SurOeste disse...

¡Máis memoria, Suso! Onte, despois de escribir o post, mentres xantabamos cos meus pais saquei o tema. As súas miradas volvéronse ao pasado e puxeron, sen querer, un sorriso triste. Confirmaron que houbera fame negra polo menos unha década longa despois de rematar a guerra e a obsesión era, precisamente o pan. Por un cacho de pan dábanche un carro de peixe. Na praza de abastos desde as primeiras horas había unha nube de nenos dispostos a sacarse os ollos por unha cereixa que por casualidade caera dun cesto. E no medio de toda esta miseria, a desfachatez dalgúns que mandaban os fillos comer/exhibir un bocadillo de chourizo á rúa. Naturalmente por unha elemental lei de xustiza poética, a maioría das veces os esfameados conseguían que caera o bocadillo para apañalo eles e lamber ata a mínima faragulla.