Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, setembro 07, 2007

Alegre mocidade




O outro día remexendo nos caixóns da vella cómoda topeime con esta preciosa imaxe. Nela está a miña avoa, no centro e abaixo, na leda compaña das súas amigas de xuventude. Non ten data, pero pódese deducir que foi nos anos felices da súa primeira mocidade antes do 36. Logo para ela, como para tanta xente, a vida cambiou dramaticamente. No momento que recolle a foto vémolas formando unha simpática composición escénica onde nos amosan a harmonía que reinaba no grupo, procurando entre elas o contacto corporal e o equilibrio máis ou menos simétrico. Dúas gardan loito e dúas locen as súas mellores galas á moda: vestidos vaporosos con godés na saia, lazada no peito, combinacións de dúas teas e mangas "abullonadas", peiteados á garçon da miña avoa e da compañeira da dereita fronte a moño baixo das outras dúas, zapatos de salón... as zocas escondidas nunha silveira, seguro. Polo corte de pelo tivo que ir refuxiarse á casa da madriña para evitar que a nai a cotease, eran audacias que costaban caro. Anos despois, que tristes paradoxos, quixeron raparlle o pelo, á maneira de estigma visíbel e humillante.
Pero que pensa niso agora? Témolas listas e radiantes para causar sensación no baile: "eu sempre fun así, non era moi guapa, pero era simpática e tiña moitos amigos, armaba cada unha..." tenme dito. Simpática era, dou fe, e guapa? a min nesta foto paréceme guapísima. Casou xa moza callada despois da guerra, nun día de San Andrés, vestida de azul marino. Ao outro día caeulle un dente, "aínda bon foi que me deu tempo a casar!", dicía ela con aquela retranca que te podía facer mexar de risa.

6 comentários:

Anónimo disse...

Mais où sont les neiges d'antan ?

Anónimo disse...

Guapa, era guapa.
Moito mudaron os tempos, non?

Ana Bande disse...

Deliciosa fotografia. Tempo amarelo, fotos amarelas ¿que cor terán as nosas imaxes para os nosos netos?

Anónimo disse...

Coa fotografía dixital, os nosos netos preguntaranlle ó ordenador "mais où sont les pixels d`antan? E non atoparán resposta porque os ordenadores non saben de citas.

torredebabel disse...

hai fotos que, na súa ledicia, na súa inocencia, tornanse triste dende este futuro. Pasoume que estas rapazas tan guapas e felices me trouxeron algo de pena polo futuro que tiñan... polo pasado que temos.

Anónimo disse...

Mes jours s'en sont allés errant... (oncle Pepín?)

Posiblemente sexa esa e non outra a fotografía que nos xulgue o día do xuízo, e espero que a súa alegría non apareza entón un acorde extinto nas ondas...

... remando nos lagos do Canadá...