Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, junho 13, 2007

Quen aprende de quen?


Leo nun dos capítulos de Las pequeñas virtudes de Natalia Ginzburg, El Acantilado 2002 [1962] un anaquiño que reproduzo traducido ao galego:

"Polo que respecta é educación dos fillos coido que non hai que ensinarlles as pequenas virtudes, senón as grandes. Non o aforro, senón a xenerosidade e a indiferencia cara aos cartos; non a prudencia, senón a afouteza e o desprezo polo perigo; non a astucia, senón a franqueza e o amor pola verdade; non a diplomacia, senón o amor ao próximo e a abnegación; non o desexo do éxito, senón o desexo de ser e de saber.
Porén, case sempre facemos o contrario. Apuramos a ensinarlles o respecto ás pequenas virtudes, asentando nelas todo o noso sistema educativo. Deste xeito, eliximos o camiño máis doado, porque as pequenas virtudes, non conteñen ningún perigo material, é máis, protéxennos dos golpes da sorte. (...)"

Estas liñas trouxéronme inmediatamente á memoria un episodio non tan afastado cos meus fillos. Había uns meses que se cambiara o sistema monetario para o do euro e faltaban só uns días para que rematase o prazo de troco de pesetas para euros. Eu, como sempre da misa da unha e media, deixei este incómodo trámite para o final: revisar petos e caixóns, contar moedas e ir ao banco... só faltaban os petos dos nenos, uns simpáticos porquiños de barro, agasallo do tío Xoán. Imaxinei que sería divertido para eles coller os porquiños e escachiflalos contra o chan para ceibaren o seu tintilante bandullo en todas as direccións. "Veña, nenos, imos matar os porquiños que deben ter moitos cartos". Miráronme con cara de horror. Pareceume unha escena cómica e fixen un pouco o pallaso. "Collemos un martelo e...". Botáronse a chorar e rapidamente organizáronse: un agarroume polas pernas berrando e a outra correu a poñer a salvo os porquiños. Desistín. Agardei a que se tranquilizaran os ánimos. Ao outro día expliqueilles con calma o asunto. De alí a dous días. Non houbo maneira. Pasou o prazo. Se volvía a sacar o tema só atopaba miradas hostís. Os porquiños salváronse; as pesetas xa non valen nada. Tampouco valían tanto, ben mirado. Eles, os nenos, si que me deron unha lección de grandes virtudes.

8 comentários:

Anónimo disse...

O malo é que a todo 'porquiño' lle chega o seu San Martiño.
p.s.: a min mesmo esfarelóuseme hoxe un irresistible bonequiño-chaveiro nas mans dunha entusiasmada e apaixoada compañeira (daba medo vela e extraer conclusións).

Pero si, quen aprende de quen?

SurOeste disse...

Excuse me, Mister Pepin, mais paréceme que vostede non conta o conto ao dereito. Da atenta observación da escena puiden deducir que ao seu bonequiño xa lle ía chegando o seu San Martiño, quen sabe a que perversas manipulacións fora xa sometido por vostede mesmo (advirta que o seu cualificativo de "irresistible" non nos pode levar a engano). O bonequiño mal lle colgaron as chaves foi tan amasado que "deu a alma"sen poder presumir moito del. E iso é o que o amola en realidade, fóra o gasto, claro. D.E.P.

torredebabel disse...

meu avó Xoaquín, coa mesma inocencia dos teus fillos pero unha morea mais de anos, gardou unha mínima fortuna en billetes dos anos 50 que nunca modernizou porque na súa mente non había sitio para a idea de que aqueles cartos tan esforzadamente gañados non valeran xa. No ano 2000 fun a Galiza e no Banco, un empregado non podía creelo. "Pero como non os cambiaron antes?", preguntoume dúas veces. Por toda resposta dixen que o meu avó morrera na diáspora soñando con Galiza. Dalgún xeito tamén foi unha leccion.

Anónimo disse...

Choraban por romperen o peto ou por pensaren que ían quedar sen cartos? Aínda que a cutrez e a cobardía son dous dos defectos que máis me repugnan, creo que non se pode desfrutar dos cartos se non se ten certo aprecio polo aforro, xa que isto levaría a un consumismo exaserado cuxo efecto sería o contrario que propón a Ginzburg. Asimesmo, as agallas sen ter certa conciencia do perigo son cousa de idiotas, no sentido etimolóxico da palabra.

SurOeste disse...

A súa única preocupación eran os porquiños, os cartos tanto lles tiñan e seguen o mesmo, son desprendidos e nin sequera son consumistas. Santiños meus! Xa sei que nos tempos que corren é raro e, como vos dixen, non creo que eu teña moito mérito niso.

FraVernero disse...

Ben, no me caso, as virtudes inculcadas do aforro supoño que foron bastante efectivas, xa que me converteron ata certo punto nun tacaño ao que lle dá mala conciencia gastar os cartos en calquera cousa que non sexan libros...

astuto disse...

Suroeste,
como assim, as pesetas nunca valeram grande coisa... Deixar os porquinhos-mealheiro inteiros, isso sim, é um gesto de ternura para com os pequenos :-)

Saúdos.

Isabela Figueiredo disse...

Suroeste, os teus filhos são o leite que mamaram em ti. Beijos grandes.