Número total de visualizações de página

sexta-feira, junho 08, 2007

Explosión


A primeira vez foi como un azoute inexplicábel que me asustou, o corpo por un lado e eu sen poder seguirlle o paso, indecisa, querendo parar o que xa non tiña marcha atrás nin adiante porque xurdindo do centro mesmo esparexíase en todas as direccións. Unha explosión que te envolve e te deixa tremando, pequena e vulnerábel.
O pracer e a dor poden facer de ti unha piltrafa e o corpo é quen de impoñer a súa lei.

5 comentários:

tío Pepin disse...

"Your body is a battleground", ou sexa, o 'noso' corpo, todo corpo. O peor é que de antemán sabemos que é un corpo derrotado (aínda que se gañen certas batallas).
En fin, grazas por colgar o post.

FraVernero disse...

O corpo é ese bastardo cúmulo de sensacións escravizadoras... Voltando á rella de Platón e de todo o pensamento idealista (cousa aparentemente contradictoria nun marxista), penso que lle hai que dar caña da dura, cabalo bravo do carro, ata que aprenda quen é o xefe na relación alma-materia.
Nunca se sente tanto a corporeidade como cando se é torturado. A alma pérdese nun puro sentir de corporeidade martirizada. Reducidos a un enorme anaco de carne dolorida, escapan as cousas que nos poderían facer algo mellores que os animais.
Os engados do pracer son moi semellantes, anque máis sutís, igual de embrutecentes. Mais a loita é dura, e probábelmente 'perdida / sen que fose nunca nosa'...

Iseo la Blonde disse...

Fravernero, fravernero...
Acho que ten vostede moito libro e pouco potro de tormento. En sendo clérigo, e ben letrado por certo, non é de extrañar o primeiro, mais cómo coñece vostede tan ben os efectos da tortura e do pracer? Non me parece vostede un goliardo... El será que é clérigo inquisidor e experimenta en carne allea?

E o pracer. O pracer embrutecedor!?
(vid. Supra, alusión ao Santo Oficio -e o resto tamén).
Tráime a mellor descrición do mellor sumiller de praceres que coñeza. Nada!!!
Nada comparábel ao gozo meu cando lle pido a Tristán que me aloumiñe coas súas hábiles mans e garimosos brazos; coa súa lingua rebuldeira. E o reto finalmente a que acalme o lume da miña vaíña coa súa longa espada e me derreto.

FraVernero disse...

Esa Iseo! Non apta para cardíacos!

Alédame ver como emprega esa forma tan pouco usual, anque xenuinamentwe galega que é o 'el será' (o u-lo tamén se fai re rogar, e cada vez menos xente conxuga o infinitivo... paciencia).

Canto ás imaxes da carne torturada e untrasensíbel, temo que non son do meu maxín, senón dun tratadiño sociolóxico sobre a tortura e o holocausto que recomendo encarecidamente.

Alédome do gozo ensartador do seu Tristán (no libro, parecía máis pacato) ou Tristáns. Podemos incluso envexar os seus praceres. Nembargante, cultivaremos aínda un escepticismo sobre as posibilidades políticas e de resistencia que permite o pracer, máis nunha sociedade consumista que nos tornou moles e escasamente capaces de sacrificar un átomo de gozo por ningunha causa que o mereza- alén da de máis-gozar.

bouzafria disse...

...Apenas se entreplumaban, algo como un ulucordio los encrestoriaba, los extrayustaba y paramovía, de pronto era el clinón, la esterfurosa convulcante de las mátricas, la jadehollante embocaplumia del orgumio, los esproemios del merpasmo en una sobrehumítica agopausa. ¡Evohé!¡Evohé!...

Rayuela, Cap 68.