Era un carreiro case escondido á dereita da senda principal. Debía andar a modo cun pé despois do outro e tendo conta de non esbarrelar. O último temporal deitara algunas árbores que o aguantaban e deixara treitos no aire. Fose como for, pagaba moito a pena perderse por el e buscar acougo na soidade dos seus recunchos. Sobre todo aquela tarde.
A marea estaba subindo e choupaba docemente contra as penedas. Que delicia, alí colgada nun loureiro abstraída nos efectos do sol e as sombras da tardiña na auga da ría...
Un ruxe ruxe de pasos que se deteñen de repente, logo o bater alporizado doutros. Non ve ninguén, queda sen respiración e concéntrase nos sons que a rodean: a auga nas penedas, unha brisa nas follas resecas, a voz dun home maldicindo. É difícil baixar ao acantilado para agacharse desde onde está, pero máis difícil saír de alí sen facer ruído coas follas. Escoita os pasos apresurados e a respiración sen folgos. Maldita sexa! Foise meter no ollo dun furacán. O medo faina agachar como pode polo loureiro e disimularse nunha galla. Os pasos acércanse decididos: é un home e sóalle a súa cara. Busca. Volve para atrás. Parece nervoso. Para e senta mirando o mar. Pasan dez minutos, saca o móbil e fai unha chamada. Espera impaciente co teléfono pegado á orella. Algo se move máis adiante. El mete o teléfono no peto e bótase a correr. Á do loureiro dórmeselle unha perna, está a punto de saír en escena cando a serea dun coche no camiño principal a detén. O home queda petrificado moi cerca dela. Agora si que lle ve perfectamente a cara: é o que se pon á porta do supermercado polas mañás. Séntese pechar as portas do coche. O home mira a un lado e a outro e bótase ao acantilado. Esvara e despénase, o seu corpo queda tendido debaixo do loureiro.
A testemuña involuntaria está aterrorizada. Os gardas civís chegan e ela non é quen de dar un chío: ten os pés entalados, as mans case non as sente e o corpo tremelle sen poder controlalo. O tremor fai que un dos gardas levante os ollos. Axúdanlle a baixar e ela sinala o corpo. Case non sabe como dicir que hai alguén máis, que debería haber alguén agachado na fraga, alguén que estaba sendo perseguido, alguén que dera a alerta?
Non, a alerta deuna un home que estaba a pasear e presenciou unha forte discusión entre un home e unha muller, seguida dunha carreira. eles estaban patrullando cerca e foran rapidamente. Non era ela a muller? Que facía alí soa? Terá que declarar.
Sem comentários:
Enviar um comentário