Jean-Luc Picard era o meu capitán favorito ata que se cruzou no meu camiño a capitana Janeway. En ambos os dous personaxes de ficción, como tamén adoita pasar nos personaxes da vida real, as súas máis valiosas virtudes son tamén os seus máis lamentábeis defectos. No caso de Jean-Luc a frialdade da súa mente, moi útil para afrontar os retos do liderato, é moitas veces un obstáculo para solucionar problemas. Jean-Luc, falando claro, é un castrado emocional que se prohibe a si mesmo investigar parte das súas ricas facetas humanas. É por iso que necesita ao seu lado de maneira case permanente unha telépata, a tenente Troy, que complementa a súa total inutilidade en certas funcións cerebrais como a intuición ou a empatía. Será tamén por iso que é un lector obsesivo de Shakespeare. E se cadra tamén que, nun mundo que xa superou ese rollo malo dos nacionalismos, Jean-Luc é inequivocamente francés, defensor apaixonado da excepcionalidade cultural, cultivado bon vivant deses que dubidan seriamente se pedir matrimonio a unha muller cando teñen a Tour Eiffel de fondo de pantalla ou entregarse en corpo e alma á Flota Interestelar?En tout cas... un momento de debilidade teno calquera.


