Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, abril 15, 2010

Caderno de memórias coloniais


Hoxe asistín á presentación do libro Caderno de memórias coloniais de Isabela Figueiredo no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da UDC. Foi unha presentación áxil e entretida no que Isabela falou das súas lembranzas e de como estas se converteron en literatura a través primeiro do seu blog para rematar compoñendo este libro que está a ter un gran éxito editorial en Portugal e, o que é máis importante, está a xerar un debate demasiado tempo adiado acerca do pasado colonial e da reconstrución da memoria. Sóavos a canción, queridas e queridos? Si, claro, iso foi o que dixo tamén Isabela, "eu sei que na Galiza está a haber neste momento um movemento social a favor da recuperação da memória histórica".

O caso é que Isabela con este libro leve (136+24 páxinas) que inclúe fotos e postais do seu album familiar está dando moito que falar e eu vaticino que aínda ha dar máis. De momento é inevitábel admitir que o discurso oficial dos chamados "retornados", por unha parte, e do proceso de descolonización, polo outro, quedaron seriamente danados, eu diría que mortalmente danados, e iso molestou. Quen tivo a ousadía de contar dese xeito o dia-a-día do colonialismo? Unha muller con ollos de nena, a filla dun colonizador que ama ao seu pai, mais dóese do que non pode evitar ver a medida que lle vai medrando unha conciencia independente. Non sei por qué téndese a pensar que os nenos son parvos e non se decatan. "Amor e vergonha misturados" dicía Isabela "pasaron muitos anos antes de eu poder escrever sobre isto". Os humanos somos uns seres moi complexos, "nem há tudo bom, nem tudo mão", é evidente, mais algúns pretenden que así sexa e que o que os involucra sexa o "bom" sempre.

Ai, Isabela, Isabela, prosa directa, narración entrecortada, voces que se interrompen, ruído de fondo, interferencias, os ollos dos outros, estrutura rizomática, formato blog, retallos, retallos, retallos, a memoria é coma a auga do dioivo: busca sempre o seu sitio... e acerta sempre con el.

2 comentários:

Paratradutor disse...

Non me gusta para nada suxerir censura, mais despois de ler o lixo que se verte (en posts e comentarios, e continuamente) sobre este libro excelente da Isabela en
http://ma-schamba.com/roupa-velha/no-sofa-com-a-filha-do-electricista-da-matola/
case me desagrada que continúes a publicitar o ma-chamba

SurOeste disse...

Vouche dar un par de razóns:

-Hai que procurar estar informado e non limitarse a ler o que che gustaría ler. Evidentemente eu non concordo coa liña editorial do ma-schamba e engadiría que tampouco coa forma de comunicar do ma-schamba. Eu son doutro planeta, absolutamente excéntrico ao ma-schamba. Non vou todos os días por alí, nin sequera todas as semanas, pero de cando en vez gústame facer turismo bloguístico e paso e mesmo, ás veces, deixo un comentario excéntrico porque, confésoo....


-Porque me gusta discutir e no ma-schamba, excéntrica como eu son, déixolles un comentario marciano que os quita do eixo (momentaneamente), ata que se volven armar de retórica e bótanme unha andanada como para facerme calar a boca.
É moi divertido e revelador: así, no ma-schamba e noutros sitios, fun descubrindo que non son tan parva como algúns me queren facer crer.


-E, por último, porque a máxima que procuro seguir é: "buen rollito, máximo colegueo".