Número total de visualizações de página

sábado, fevereiro 27, 2010

Cita a cegas II

A cita esta vez era nunha cervexería. María mirou a escuma pegada ás paredes do seu vaso e alargou a man para coller outra pataca. Deixou que se humedecese, apretouna coa lingua contra o padal e chuchoulle o sal. Levaba media hora agardando, no fondo do vaso ficara un resto de líquido. "Xa que estou aquí, vou pedir outra e esquecerme do asunto". Cando lla trouxeron díxolle ao camareiro que deixase estar o vaso baleiro e pagou.
O rapaz aínda tardou outro pouco e entrou como distraído. Presentouse e mirou sorrindo os vasos acusadores ao sentar, pero non ofreceu desculpa ningunha. Chamábase Fer, era da súa mesma estatura, gastaba barbiña rala e tiña uns ollos con longas pestanas que lle daban unha expresión adocicada. María estaba tan sorprendida que non sabía nin como empezar. Fíxoo el.
–Estiven pensando toda a noite en ti.
–Como pode ser iso se non me coñecías?
–Pesaba como serías... como sería estar En brazos de la mujer madura.
–Liches a novela?
–Non, lin un artigo no Babelia. Con ese título tan explícito non fai falta nin lela, non cres?
–Por iso decidiches contestar ao anuncio?
–Pode ser. Que mellor que unha muller experimentada para aprender.
–Vouche dicir unha cousa: da experiencia dos demais non se aprende; apréndese da propia, e moitos nin iso.
–Algún atalliño aprenderase.
–Así que viñeches a unhas clases? E que me vas dar ti a cambio?
O rapaz quedou petrificado.
–Eu a cambio?... pois.... Eu!– por debaixo da liña das perfebas veuse unha faísca de triunfo.
–Eu, eu, eu!!!! Eu quero un home que se interese por min, non que me convirta na súa adoradora.
–Non entendo a túa actitude defensiva e non soporto que me falen así.– Baixou máis a voz –Tes algún problema, algunha frustración que te ofusca; deberías mirarte.
Agora a boca tensárase dun xeito que só se lle vían os dentes de abaixo. Isto foi o sinal definitivo. María ergueuse, colocou o bolso no ombreiro dereito.
–Paga o teu, o meu xa está.

4 comentários:

arume dos piñeiros disse...

Fantásticos os dous posts estes. Tes material para escribir un libro de relatos con este planteamento. Magníficos.

SurOeste disse...

Vou seguir, advírtoo.

Arume, o meu libro é o meu blog.

arume dos piñeiros disse...

Tá ben: quixen dicir logo unha serie. E, como xa o di vostede, pois encantado.

Chousa da Alcandra disse...

A temática é actual (seica) e préstase (polo visto); así que...estaremos atentos.

(Pregúntome se non haberá que pagarlle algúns dereitos á de 50 que puxera o anuncio.