Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, fevereiro 26, 2010

Cita a cegas I


Chegou á cafetería un cuarto de hora antes. Tiña tempo de ir ao baño, retocar a maquillaxe e pedir o primeiro café. O espello devolveulle unha cara asustada. Non podía crer que estivera facéndoo. O do anuncio fora case unha coña, unha arroutada para ver que pasaba: "Muller de 50 anos busca home serio e formal para iniciar unha relación". E alí estaba: ao segundo día xa tiña un correo electrónico de alguén interesado e unha proposta de cita. Tan rápido que nin lle dera tempo a pensar. Ou si, pero con todo, alí estaba. Sacou un pano de papel do bolso e retirou unha sombra de rimmel da pálpebra do ollo esquerdo, repasou os beizos coidadosamente e comprobou que os dentes non quedaran con restos de pintura. O pelo, ben. Saiu e enfrontouse á cafetería case chea.
Había un home solitario que antes non estaba. Mirou o reloxio. Entre pitos e frautas pasara 10 minutos no espello e xa era a hora. Aconsellouse prudencia e volveu ao seu sitio. Cando o camareiro se achegou, pediu un café cortado. O home mirábaa, pero mantívose no seu lugar facendo que tomaba o seu café e lía un xornal. Empezou a sentirse nervosa e pensou en irse. Chegou o café. Agora xa tiña ela tamén escusa e atreveuse a miralo. Era un home duns sesenta anos, con pouco pelo e roupa moi convencional: unha estampa aburrida. Que esperaba? Un galán con dentadura postiza?
–Desculpa, ti es María? Eu son Sindo.
Ela ergueuse e déronse dous bicos fríos.
–Encantada, queres sentar?
–Grazas, temía que te volveras atrás.
–Aínda o estou pensando.
–Xa.
Uns minutos de silencio que ela aproveitou para agocharse no café. Ou tiña a dentadura postiza ou unha desas fundas horríbeis. Ulía ben, menos mal... e as uñas limpas, aínda ben... Levantou os ollos. Por favor, estaba sendo analizada cun microscopio! Que horror! Non ía nin poder rematar o café. Non se lle ocorría nada que dicir e alí non falaba ninguén.
–Bueno, pois... aquí estamos. Tiña ganas de coñecerte, no anuncio... non sei como dicilo, adiviñei unha muller enérxica e decidida.
Púxose en garda e sorriu ironicamente.
–Non, non me interpretes mal, eu... penso que se non vise o teu anuncio non sería capaz de abordar a ninguén así, de molestar, se cadra.
–Ben, non hai cousa mellor que ter as cousas claras. Son decidida, levo cinco anos divorciada e aínda non me xurdiu ningunha historia, digamos... amorosa.
-Eu estou viúvo desde hai 10 anos. A verdade é que me encontro só.
–Non tiveches outras relacións?
–Non, son bastante tímido– mirouna e sorriu –en principio.
Ela sorriulle desanimada
–Veña, imos dar un paseo. Deixa, pago eu.
–De ningunha maneira.
A súa mirada seria e a man no brazo disuadírono.
–Vale, tes razón. Eu son o convidado.

Dedicado a A. B. B.

Sem comentários: