Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, março 13, 2009

Coloquio da Alameda de Raxoi

Eran as dúas da tarde e había dous bancos ocupados. Nun deles unha muller poñía sen moito recato as pernas ao sol. Paso por diante dela e sigo. No outro, tamén ocupado por dúas mulleres, había unha animada conversación. Decido quedarme nas inmediacións e miro con disimulo. Unha octoxenaria do país, apoiando a man no bastón, faláballe a modo e con moito interese en explicarse ben a unha sudamericana duns trinta anos co bolso no regazo. Que curioso, pensei, estalle contando a súa vida, a fame que padeceu, os fillos que criou, os traballos que pasou. A man que lle quedaba libre servía para subliñar un discurso que parecía sincero e ben madurado. A outra escoitaba con moito interese. Logo tocoulle a ela: xesticulaba moito e poñía diferentes rexistros de voz, era unha actriz consumada. Eu daba voltas e, mentres intentaba pasr desapercibida, pensaba con certa admiración no feito de que tiveran tanto que dicirse e escoitarse aquelas dúas representantes de experiencias tan afastadas xeracional e culturalmente pero, se cadra, moi semellantes entre si: a vida de dúas mulleres que lle teñen que poñer peito á vida e tirar para adiante. Como darían unha coa outra? dei en pensar. Non parecía unha xubilada e a súa coidadora, non, unha simple ollada rápida despexaba calquera dúbida.
Estaba eu nestas disquisicións cando, de repente, observo, sempre de esguello, un movemento rápido e inesperado na sudamericana. Saca do bolso un folleto e ponllo aberto diante dos fuciños á octoxenaria con moita habilidade, mentres segue a falar con rapidez e xesticulando moitísimo, agora só cos músculos faciais. A vella dálle que non á cabeza e, nun arranque, érguese e déixaa quedar. A outra garda o folleto, tamén se ergue e bota a andar en dirección contraria. Ningunha delas mira para atrás.

2 comentários:

Anónimo disse...

Ensinanza: cando menos o esperas hai alguén mirando.
Ensinanza2: os boliños de sol trazan as súas órbitas nas alamedas.

SurOeste disse...

Os luns ao sol dan para moito, querido Tío, mesmo para dar voltas arredor de si.