Número total de visualizações de página

segunda-feira, março 23, 2009

Aluspar

Aluspar, facerse a luz vencendo a escuridade, decatarse do que un non entende porque era confuso ou estaba oculto... ese foi o nome que te puxeches para navegar sen te moveres do sitio, como se fai agora, como facemos todos e cada vez máis; ti xa eras experto cando eu empecei. Buscaches e buscaches, Aluspar, para vencer a escuridade que medraba dentro de ti, que terríbel paradoxo! Espero que esa luz que vén de repente e que chega ao fondo de un iluminándoo todo chegase a ti coma un lostrego, lostrego, si, paroxítona, contigo podo falar como sabemos, e che permitise aluspar o que querías ver e andabas buscando coma un cego. Non podo soportar que morreras coma quen se tira a un pozo, afogando un berro en espiral nas augas mouras e frías da nada.
Non.
A xente levaba flores apañadas ás présas no monte. As flores que che gustaban. Colores sen música nunha tarde fría de marzo. Xa non podías mirar para atrás e non quixen pensar nos teus ollos. Fúcheste porque amenceu por fin -repetíame- e viches o camiño claramente. Era por alí -eu tamén cheguei a velo, asegúrocho- un camiño sen volta e, no fondal de todo, a luz.

2 comentários:

tío Pepin disse...

Xa sei que nestes posts insertar comentarios está de máis, pero cadrou que andaba a ler na poesía de Primo Levi e batín con este pequeno poema que ben pode ter o seu oco nete 'aluspar' (paréceme):

Vorrei credere pualcosa oltre,
oltre che morte ti ha disfatta.
Vorrei poter dire la forza
con qui desiderammo allora,
noi già sommersi,
di potere ancora una volta insieme
camminare liberi sotto il sole.


Traducido vén sendo así (sigo o libro):

Quisierta creer algo distinto / y no que la muerte te venció. / Quisiera poder expresar la fuerza / con la que entonces deseamos, / ya caídos, / poder caminar, una vez más, juntos / y libres bajo el sol.

Noutro poema existe un verso no que Levi di 'ogni vita è monca' (toda vida es inconclusa).

Bicos.

SurOeste disse...

Grazas polo poema.