Número total de visualizações de páginas

domingo, fevereiro 15, 2009

Fritada de sangue

Estimadas e estimados lectores larpeiros, seguindo as ordes do noso Frater preferido, vou apuntar unha vella receita moi acaída para estes tempos irremediabelmente carnívoros de mata e antroido e engadirei que o meu avó, matachín do seu lugar e dos circundantes, loaba moito a miña fritada, aínda que non chegase á altura da de María Antonia a Melona, auténtico culmen da fritada de sangue do canon culinario occidental.

Precisamos:
-fígado cortado en anaquiños pequenos
-sangue de porco previamente cocido e ben apretado para que solte a auga. Debe quedar esfaragullado.
-cebola e allo
-un pemento encarnado ben maduro
-folliña de loureiro
-limón
-aceite ou, xa postos, grasa de porco
-pimentón doce e picante

Mans á obra:
-Fritimos lentamente a cebola picadiña co allo, engadimos, logo de mareala un pouco o pemento maduro tamén picado. Cando estea case feito botamos os anaquiños de fígado, deixamos que se faga, pero sen que se pase moito. É o momento máis emocionante: imos botando con xenerosidade o sangue esfaragullado na tixela e remexemos. Aderezamos co pementón, o loureiro e exprimímoslle por riba o limón. Remexemos e remexemos. Probámoslle o sal e xa temos listo un prato verdadeiramente delicioso, contundente e barato.

Suxerencias.
Acompáñase de patacas cocidas, aínda que un arrociño branco seguro que lle vai ben, viño tinto e pan do país.

Pensábades que vos ía facer filloas de anís, eh?

10 comentários:

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Moi cruento todo. O que máis me gustou foi a prudencia cos fígados. Aí é onde está o punto.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

O pementón de Cáceres, de la Vera, non si?

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Non me queda claro o de pan do país. Que país? De Cea, de Porriño ou de Carballo?

SurOeste disse...

Cruento? Comer vísceras é cruento? e se son en paté? E o sangue é cruento, mesmo aromatizado con loureiro? E a cebola, que fai chorar?

Arume, eu defendo que a fritada de sangue é un dos logros máis excelsos da cultura occidental.

Con pementón de la Vera e pan de calquera país. Outro día falamos de pan, masas e levaduras.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

E para que hora está posta a mesa? Nunha hora e pouco podemos estar alí.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Apunto a posibilidade de facer acompañar ese luxo con pasta tipo pappardelle ou tagliatelle máis grosas do habitual. Viríalle marabilloso. Foto con ragú.

FraVernero disse...

O sangue é vida, xa se sabe... a mín sempre me deu un chisco de repelús morder nel, mais como todo, péchanse os ollos e saboréanse no padal o dozura (ou non: depende da receita) en cuestión...

Anónimo disse...

francamente o que máis me chamou a atención foi o do limón, e logo xa unha cuestión lingúística, o de cocer o sangue, o de apretar o sangue ..., case, case estou a punto de pedirlle o favor dunha explicación, como é iso de apretar o sangue?
na miña zona, eu veño da Limia, o sangue só se usa para as filloas, claro, mesturado, entón frítese

Moi agradecida pola receita e tamén polo saber do idiom

Jenny Colon

SurOeste disse...

Estimada Jenny
Efectivamente na miña terra o sangue que se lle recolle ao porco cando se sacrifica cócese. O resultado é que queda xunto en estado sólido-esponxoso. A continuación escóase e déixase que vaia soltando a auga nun paxe (cesto) forrado con palla. Cando enfría xa se pode apretar para que acabe de soltar a auga e esfaragullar da maneira que indiquei sobre a fritada. Se ten vostede a fortuna de dispoñer de sangue dunha matanaza de fiar non o dubide e probe esta suculenta receita ancestral. Só pensalo as miñas gñandulas salivares xa empezan a excitarse...
Con respecto ao limón, pense que non é tan raro servir o fígado cunhas raxiñas de limón e que unhas pinguiñas ácidas contrarrestan á perfección o sabor dulzón do fígado e do sangue.

O meu home estame dicindo que na súa terra (él é do Ribeiro) o sangue cocido tómase sen apretar adobiado con sal e vinagre.

torredebabel disse...

mágoa ser tan mala cociñando... senon as facía!