Número total de visualizações de páginas

terça-feira, junho 24, 2008

Volumes



Un día pola tarde, xa hai ben anos, deume por mirar en dirección leste, xusto no punto en que o río se ceiba do estreitísimo abrazo e se esparexe por fin en catro revoltas ata se desfacer no mar. O que vin foi, en primeiro termo, o perfil mouro dos eucaliptos plantados polo ICONA da banda de alá, logo a ladeira destoutra banda aínda, naquel tempo, de verdor autóctono cinguida e, por último, pechando maxestuosamente o horizonte, o bico da serra cunha breve extensión debaixo, Suaserra sexa dito, de prados e labradíos defendéndose da fraga.
Collín a caixa das acuarelas (chamémoslles así) e o bloc de debuxo e púxenme a pintar como mellor sabía. Non era nada doado: variacións sobre verde para conseguir o efecto de máis cerca e máis lonxe, pero os problemas non remataban aí. Desde o meu punto de vista tiña os eucaliptos da outra banda nun plano máis avanzado, certo, mais despois, no mesmo plano tiña a parte de aquí cunha imposible depresión no medio: unha ladeira combada coma unha nai que se agacha estirando os brazos recortados de carballos para recoller ao seu fillo. Tiven que misturar moitas cores: verde máis claro, verde máis escuro, pingotas de castaño e negro. O papel ondulouse e nalgunhas partes empezouse a esfolar co paso do pincel mollado. Non me quedaba moito máis que facer ou estragaría todo. Púxenlle o ceo azul. Aínda ben que aquel día non había niboeiro agatuñando pola fraga arriba!

4 comentários:

Ana Bande disse...

Natureza 1, Suroeste 0. Ja..ja...é que a natureza ten estas cousas, ás veces enfurrúñase e non se deixan nin pintar, e non é de extrañar, cada vez que sinte tan de preto a ollada do home ponse a tremer. Benvida anodertaime!

Anónimo disse...

onde é a fotografía, suroeste?

SurOeste disse...

A fotografía collina na rede: tecolea no google-imaxes "fragas do eume" e aparece. Sinto non ter unha fotografía propia no momento no que me vén a inspiración! Non é exactamente o ángulo desde o que eu quería captar o volume escorregadizo mais polo menos é desde a mesma banda do río.

fgul disse...

...é das Fragas do Eume; sen lugar a dúbidas...

...facía tempo que non oía eu falar do ICONA; eses que saían na tele, cando eu era pequeno, cantando iso de: "todos contra el fuego".

Un saúdo.